Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Personaxes de Cangas · Arquivo de A Cepa

José da Illa, O Percebeiro

Orixinario das Illas Cíes, viviu coma un lobo solitario e dedicábase a recoller percebe que vendía ou trocaba por comida

Cemiterio das Cíes (1930) onde están soterrados os seus pais.

Naqueles anos nos que José O Perecebeiro e os seus irmáns vivían na illa, non había escola en Cíes. Foi grazas ao fareiro Ceferino que os irmáns aprenderon a ler e a escribir. Os pais pagábanlle con patacas e con peixe do que pescaban no lago e preto das illas. Pero axiña han quedar orfos de nai que faleceu ao esganar cunha espiña de faneca.

O despoboamento vai medrando nas Cíes a partir dos anos 60 ao mesmo ritmo que crece o interese turístico das clases acomodadas. O irmán maior, Serafín, abriu unha taberna onde tomar unhas cervexas e algo de comer. Cando Serafín e Esperanza Barreiro, veciña da illa de San Martiño, quixeron contraer matrimonio foron a Vigo para preparar o papelexo; pero alí mandáronos a Cangas en concreto á igrexa parroquial de Santiago de Cangas e illas Cíes que era a que lles pertencía. (aínda que dende 1840 estaba ordenada a súa anexión a Vigo).

Serafín veuse para Donón a pasar os invernos, outro irmán Antonio (Pichoucho) traballou co fareiro en traballos de mantemento e foi un dos derradeiros habitantes permanentes das Cíes e un dos paseos da illa leva o seu nome. Hoxe quedan alí unhas poucas casas construídas nos años 60. A casa familiar aínda se conserva como propiedade de Benedito e os seus pais están soterrados no cemiterio da illa.

As Illas aínda habían vivir momentos moi especiais coma o naufraxio, con 26 mortos, do Ave del Mar de Moaña (1956); a inauguración do monolito a Franco (1961) derruído polo Servizo de Costas (2008); o incendio do Polycomander (1970) ou o desastre do Prestige (2002). Foron declaradas, en 1980, Parque Nacional marítimo terrestre das Illas Atlánticas.

José O Percebeiro tivo outra vida moi diferente. Traballou uns anos co seu irmán Serafín nunha embarcación e viñan a Cangas, a remos e a vela,vender o peixe. Tamén embarcou en Vigo con Manolo de Darbo nun barco á palometa.

José tiña un carácter moi introvertido. Vestía coa roupa algo rompida e comía segundo a pesca que traía do mar. Dedicábase a recoller o percebe nas rochas altas. Así como o apañaba, así o vendía ou o trocaba pola comida, pois xa tiña os clientes fixos de todos os días. Ía pescar seguindo as mareas, dúas veces por día.

José viña andando acotío dende Donón pola calzada romana de Nerga, baixaba ao Areeiro de Liméns e pasaba de Santa Marta por Areamilla e ao Salgueirón e chegaba a Cangas. Sempre pola costa, pola beira do mar. Nunha ocasión un funcionario de costas viña nun todoterreo pola costa da Vela e, ao velo camiñando, ofrecéuselle para levalo: - Señor, quiere que lo lleve a Cangas? Ao que José contestou: - Siga su camino!

Dende Cabo Home viña durmir a Liméns, debaixo dunha pena. Rematou vindo a Cangas nas marquesiñas das paradas do autobús ou no soportal do edificio na Pedra Alta que baixa ao Salgueirón. Tamén ten durmido nas escaleiras da gardería de Massó. Os derradeiros anos pasaba a noite no garaxe do bar de Ramiro en Donón. Nos sitios onde durmía non lle podían pechar a porta, durmía con ela sempre aberta, verán e inverno. Na casa do seu irmán Serafín sempre tivo a porta aberta pero nunca entrou a pasar a noite.

A indumentaria habitual de José, O Percebeiro da Illa era pantalón de mahón, alpargatas e a raspa para apañar os percebes. Non era un home avaricioso collía só aqueles puñados que necesitaba para conseguir o changüí diario. O colectivo de percebeiros da Costa da Vela sempre permitiu que os apañara, aínda que fose sen licenza. José facía uns trocos moi particulares, moi de seu. Vendíaos nos bares que confiaba coma na da Graciana, na de Milhomes ou na do Pavo en Darbo; pero o prezo marcábao sempre el. E na época das castañas vendíache un tinón polo prezo que el consideraba. Aínda que che parecera pouco diñeiro non che aceptaba máis.

José da Illa ten collido moitas peludas que secaba deitándose ao sol e asollando. Sempre estaba coa cabicha do seu Celtas sen filtro nos beizos. Os días de choiva intensa empapábase e mollábanselle os mistos. Nos cruces, pedía aos condutores que lle deran lume co acendedor do coche. Case nunca estivo enfermo. Hai anos atropelouno un coche na estrada e levárono á clínica Fátima; pero ao pouco de recuperarse malamente, escapoulles do sanatorio camiñando pola ponte de Rande de volta cara a Cangas.

Morreu no ano 2004 con sesenta e poucos anos e as súas cinzas foron esparexidas dende unha embarcación por César e polo seu irmán Serafín na Costa da Vela. Na súa lembranza coma personaxe entrañable e querido que era, no restaurante Cabo Home en Donón teñen un retrato del co Facho ao fondo. José da Illa (O Percebeiro) viviu a vida á súa maneira coma un lobo solitario, coma un animal ferido. Non esperaba nin quería nada de ninguén. Foi unha boa persoa pero arisco coma os cantís da illa que o viu nacer e os de Soavela que tanto quixo.

(*) Membros da Cepa

Compartir el artículo

stats