Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

As orixes das danzas ancestrais

Metidos en danza (II)

Na segunda e última parte deste traballo, o profesor Dasairas afonda sobre as razóns polas que as mulleres tiñan prohibido danzar e recolle as impresións de Casto Sampedro sobre as danzas de Cangas

Unha perspectiva da danza de Darbo, que se baila cada 8 de setembro. // Gonzalo Núñez

Na análise comparativa que fixemos destas manifestación constatamos que as danzas de espadas aparecen executadas na sua maioría polos gremios mariñeiros, ainda que no Corpus de Ourense, o máis antigo, documentado a mediados do século XV, esta danza corre a cargo dos zapateiros e no de Betanzos son os labradores quen a executan. Nesta cidade, o gremio mariñeiro danzaba con arcos, igual que en Cariño a onde chegaría primeiro e a logo, levada por mariñeiros deste porto a Camariñas. Sería longo e complexo ir degrañando todas as manifestacións que conformaban aquelas magnas procesións do Corpus en Galicia pois na evolución e involución das mesmas danse agrupacións de gremios para unha danza, liortas pola exclusividade da mesma ou variacións nos patróns da confraría aindo que sexan do mesmo oficio. Este totum revolutum iría provocando dexeneracións nas representacións emanando distintas disposicións eclesiásticas, reais ou concellís para a prohibición de determinadas manifestacións.

Mais, con todo, intuimos que o danzar homes por mulleres está baseado nas prohibicións e recordatorios das Sinodais, de non mesturarse homes e mulleres nos actos relixiosos, tendo incluso reservado cada sexo un lugar específico na igrexa e dándose tamén normas sobre o comportamento feminino. Como xa dixemos, non atopamos ningunha referencia explícita que desterrase ás mulleres destas danzas pola sinxela razón de que os gremios eran case todos masculinos. E se os homes participaban vestidos de mulleres era por obriga das constitucións gremiais como en Betanzos, onde os zapateiros que sempre bailaran unha danza de paus, deciden presentar no século XIX, unha danza de Galáns (oficiais) e Damas (xustadoras) provocando que os que lle tocaba facer este papel tivesen que sacrificar o bigote.

O rol da muller na danza aparece tamén sustituído na vestimenta en moitas partes e non pode, portanto, considerarse como causa de expulsión das mesmas, un desliz ou abuso de carácter local. E aquí de novo na encrucillada especulativa, cabe pensar que a vestimenta feminina (saias e faldóns medievais) de moitas danzas xa veña de moi antigo e que se sofisticase máis tarde coas enaguas e roupas brancas, símbolos da pureza e propias dos días de festa. Estas danzas tamén foron levadas a América e dalgunhas celebracións daqueles países recollemos que debían facerse "con gracia a la hora de hacer cortesías, con movimientos acompasados, honestos y señoriales". A estas danzas denomínanas como cortesanas ou saraos e no século XVII organizábanse nas igrexas maiores, onde Damas e Galáns, costosa e ricamente aderezados "mostraban variedad de invenciones, episodios y tramoyas".

No caso das danzas denominadas de Damas e Galáns no cancioneiro de Casto Sampedro, coidamos que os homes sempre vestiron de mulleres, de aí que o insigne musicólogo as catalogase tamén como farsas. Ademais do tema da suplencia das mulleres, todas as danzas deste tipo localízanse no entorno da ría de Vigo, pasando duns sitios a outros por imitación como ocorreu coa de Lavadores que foi levada a Candeán.

Tamén todas elas adoitan estar relacionadas cunha confraría (San Roque, San Sebastián, Virxe das Dores...) encabezada por un nobre local que cedía o seu pazo para o ensaio ou o agasallo dos danzantes. Segundo C. Sampedro, que recolle datos a finais do XIX, a danza de Darbo ensaiábase na eira da Casa do Tobal, agora dos señores de Sequeiros, pero que antes fora da Casa Granxa de Balea na que destaca o crego Juan Mariño de Romay e Sotomayor, prior da Colexiata e de Darbo.

Non sabemos en que estado se atopaba a danza de Aldán cando este musicólogo, xa que non o xustifica, apunta dela que é de menos importancia que a de Darbo (sic) e que se baila na procesión, diante das vivendas do Presenteiro (ese ano Joaquín Rodal Bermúdez de Castro do Pazo de Vistalegre), do párroco e do conde de Canalejas que os convida a tabaco, viño, laranxas... no pazo da Torre.

A similitude da danza de Hío coa de Aldán podería explicarse a través do padroado da igrexa que xa exercía en 1468 Maior Rodríguez de Aldao ou de párrocos como Ventura de Aldao no século XVII, pero non concordan coa data de 1740 na que se funda a confraría de San Roque. Con todo, isto non exclúe que xa fose executada anteriormente en ofrecemento a outra advocación, organizada por outra confraría ou simplemente, polo pobo. Sabemos tamén que, segundo lonxanas referencias orais, os ensaios adoitaban facerse no eirado do pazo do Outeiro pertencente aos Suárez Parcero, linaxe que tamén contou con cregos na parroquia e en Cangas.

Como fose, o realmente importante é que estas exclusivas danzas de Damas e Galáns enxoiados, ostentando alcurnia, non teñen parangón en Galicia nin na península e só sobreviven actualmente no concello de Cangas. Por isto e polos valores rituais e estéticos que emanan das mesmas, consideramos que deben facerse todos os esforzos posibles por preservalas e favorecelas. Non só contribúen ao realce dos actos nos que participan senón que son un símbolo de grande importancia, por devoción, esforzo e plasticidade, que engrandece a imaxe pública do noso concello.

*Profesor e investigador

Compartir el artículo

stats