"Gústache cantar, bailar, facer o parvo? Sempre soñache con dicir iso de "mamá, quero ser artista? Gustaríache formar parte do Antroido de Cangas Vella poñendo corpo e alma a unha das personaxes de comedia musical que andamos a argallar? Axudámosche a dar o primeiro paso no mundo da comedia musical poñendo en marcha un casting audición cara a seleccionar as voces e bailaríns que conformarán o musical de rúa que despois de O Toloeste ou A Galoamour encherá as prazas e rúas de Cangas de humor, cancións, bailes ou interacción cos veciños e veciñas".

Con este chamamento, a asociación de comerciantes e hostaleiros do casco vello prepara unha nova proposta para dinamizar a zona nas datas carnavalescas, escollendo unha temática coa que decoran rúas e locais e coa que eles mesmos se caracterizan. Deste xeito, o casco histórico convírtense nunha grande escenografía chea de figurantes, adaptándose á temática satírica do Antroido e empregando a tradicional figura das "letrillas" como cancións que nutrirán o propio musical. Así, cando os actores e actrices canta, súmase todo o mundo ás cancións, facendo da experiencia algo completamente participativo. "Convidamos a todo o mundo a participar desta festa. Todas e todos terán cabida no musical!", proclaman os promotores desta orixinal proposta que coordina Nelso Quinteiro e na que se convida a todas as persoas con inquedanzas artísticas ou gañas de pasalo ben.

O casting audición para seleccionar voces, intérpretes, corpo de baile e figurantes para o musical "As catro fantásticas" será pasado mañá, sábado, desde as dez da mañá no SalaSón (rúa Lirio). Quen estea interesado debe acudir directamente ou chamar ao 647647404 para pedir cita. A proposta está aberta a todas as idades, tamaños, estaturas e estilos. As montaxes serán as fins de semana de xaneiro, e as representacións, en dous pases diarios o 5, 6 e 7 de febreiro.