Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Personaxes de Cangas · Arquivo de A Cepa

Juan Villar Pazó, na procura de melloras en Darbo

Baixo a súa presidencia na comunidade de montes reparáronse as capelas de San Pedro, Santa Marta e San Roque

Juan Villar no barco alemán Wormf. 1962.

Juan Villar Pazó naceu o 14 de xaneiro de 1926, no Palomar. Aquí viviu 23 anos, xunto co seu irmán Matías e os seus pais Juan e Angelina (descendentes do clarinetista Juan da Canle e do gaiteiro Manuel Pazó, o Choqueiro).Foi un neno moi escachado e andaba sempre ao corso. Nunha ocasión que foi pola noite, viu con limóns pensando que eran laranxas. O seu pai era un home serio e moi responsable e non lle gustaban as bromas do seu fillo, pero a súa nai, que era unha muller moi alegre e parrandeira aínda lle ría as súas falcatruadas.

Juan comezou a traballar de moi novo co seu pai na gamela Rita.Tamén quixo probar de piñeiro, pero durou poucos días por mor dunha caída dun pino e mancarse, mentres estaba traballando nos montes de Donón. Cando atopaba praza nalgún barco marchaba, á ardora e a por carbón a Asturias. Cando non, volvía co seu pai. Así ata que lle tocou cumprir co servizo militar. Foi destinado á ETEA, en Vigo, onde tamén fixo das súas. Alí fíxose popular e gañouse o alcume de veterano, saíndo dun arresto para meterse noutro. Cando lle faltaban dous meses para cumprir, mandárono castigado para Ferrol ata que se licenciase, incapaces de facelo cumprir coa disciplina.

Cando volveu da mariña casou con Josefa Efigenia Sa Alonso, a súa moza desde moi noviños. Viviron na Rocha xunto cos seus fillos, Juan e Josefa e unha sobriña que criaron con eles, Juana, ata que fixeron casa nova no Palomar. En 1960 emigrou a Alemaña, buscando saída á mala situación laboral que había. O seu primeiro embarque foi nun barco que facía as rutas a Rusia; despois cambiou para outras rutas por China, Xapón, Australia e América. O Amazonas ( onde botou 9 anos) foi o que máis lle gustou. Cando volta de Alemaña, constrúe unha chalana, a "Fina", e traballa na ría de mariscador, oficio co que se xubilou.

Juan viviu na casa a dedicación ao labor social, pois a súa nai, xunto con Pepe Poeta, visitaban enfermos e axudaban aos necesitados.Tal vez por iso Juan comezou coas inquedanzas de mellorar o seu barrio, aproveitando as vacacións cando aínda estaba en Alemaña, e dedicándolle todo o seu tempo libre cando se xubilou.

O primeiro que se fixo foi a baixada ao Palomar, a mediados dos sesenta. Falou con veciños para facelo entre todos. Pediu permiso no Concello, e uns poucos veciños do Palomar, con sachas, picos e pas que levaban das súas casas, empezaron a abrir o ramal. O pouco quedaron sen ferramentas e Juan volveu ao Concello a pedir axuda. O alcalde, Eduardo (O Ghaiba), negoulla.Día si e día tamén ía ao concello, abría a porta da alcaldía, dáballe os bos días e marchaba. Así durante máis de 15 días. Ata que o alcalde, canso de míralo díxolle: - Ti que queres, Juan?. Así foi como conseguiu ferramentas para poder traballar; un par de carretas, unhas picochas, pas e sachas.

Tivo que solucionar moitos problemas: cesión de terreos, árbores que estorbaban, xabre para alisar camiños. E xa cando rematan un ramal algúns veciños víñanlle falar para que seguise con outro. Metéronse muros para dentro, cortáronse cachos de casas e abríronse camiños onde só había carreiros de pés. Juan falaba cos donos das fincas para que cedesen terreo. Algúns ofrecían o terreo que fixese falta, pois sabían o que era non ter servizo ata a casa, outras fincas tiveron que ir á expropiación. E houbo quen se deitou diante da escavadora para impedir o traballo. Nunha ocasión un veciño ata lle saíu cunha escopeta, outros achegáronse deica a súa casa para ameazalo. Pero nada diso amedrentaba a Juan pois non quería que no seu barrio se seguise tendo que levar aos enfermos en cadeiras ou escaleiras ata a estrada xeral, entre outras cousas como a Romera que tiña que traer as mercadorías para a súa taberna a cabalo.

San Pedro foi o barrio que primeiro tivo caño mestre, tamén a iniciativa de Juan e poñendo os veciños os cartos e o traballo; pero non sen problemas, pois o concello quería cobrarlles o permiso de obra, ao que Juan se negou. Había no barrio uns veciños incondicionais, que nunca deixaron de axudalo en todas as obras que poñía en marcha: Luís Molanes Rial co seu burro "Curro"cargando os materiais, Josefa Pazó Carracelas (A Pita), Juana Novas e Román Marcos e a súa filla Lina, Tiago Barreiro e algún veciño máis, sempre estaban dispostos a traballar polo barrio.

O primeiro alcalde da democracia foi Pepe Chimé, e con el Juan conseguiu moitas axudas, (aínda hoxe conta Chimé que nunha ocasión asinoulle un talonario para coller materiais, canso xa de aturalo un día tras outro a pedirlle cousas, e así librouse del, pero por pouco tempo). Juan non paraba e solicitaba novos ramais, caños mestres, traídas de auga, alumeado,? en San Pedro, en Cimadevila, en San Roque, en Balea, no Cunchido, en Santa Marta.

No ano 1978 comezou a loita xunto cos veciños para recuperar os montes, que eran administrados polo Concello. Manifestacións e protestas mesmo deitándose diante dos tractores ata conseguir que pasaran a mans da Comunidade de Montes con Juan como presidente. Empezaron a plantar castiñeiros e carballos americanos. No verán, por temor aos incendios, Juan e Clemente Pazó Carracelas (o Pito) pasaban as noites vixiando o monte. Despois de dous anos de loitar co ICONA, puideron facer a obra do miradoiro do Balcón do Rei. Durante moitos anos foi o lugar preferido por moitos cangueses para comer, cear e gozar do entorno. Os domingos Juan madrugaba e ía ao miradoiro subir as bandeiras e limpar as mesas e o entorno para que a xente atopase todo limpo; ás veces acompañábao Antonio Santos.

Con Juan na presidencia da Xunta de Montes reparouse a capela de San Pedro, o entorno da capela de San Roque, a igrexa de Darbo e a capela de Santa Marta, que estaba derruída desde a época dos viquingos.No 1986 promoveu a creación da asociación de mariñeiros O Farolillo e iniciou as procesións marítimas da Virxe do Carme. No 1993 chegou a un acordo co cura de Darbo para explanar e plantar castiñeiros no Campo da Virxe.

Juan Villar foi o motor de explosión de todos os cambios e melloras da parroquia de Darbo; presidente fundador da Xunta de Montes, da traída de auga Monte Castelo e da Rocha,da asociación de mariñeiros O Farolillo, da asociación de veciños A Canle; presidente da Comisión de festas e alcalde de barrio de San Pedro e vogal da Irmandade de Labradores Santa Cristina, de Cangas.

Naceu o 14 de xaneiro de 1926 e finou o mesmo día 14 de xaneiro de 2014 aos 88 anos. Desde o seu novo miradoiro estará bulindo contemplando todo o traballo feito e todo o que queda por facer esperando que algún novo "incansable" consiga melloras para a veciñanza.

* Membos de A Cepa e fillo de Juan

Compartir el artículo

stats