Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Personaxes de Cangas · Arquivo de A Cepa

Ubaldo Lemos, unha vida de superación

Quedou parapléxico con 14 anos ao saltar unha rocha, pero sempre foi sociable, divertido e disposto a axudar

Ubaldo Lemos co seu primeiro vehículo.

Ubaldo Lemos Vaqueiro naceu o sete de marzo de 1920 na aldea de Vilanova, no Hío. Os seus pais tiveron oito fillos e Ubaldo era o cuarto dos irmáns A súa infancia pasouna na aldea axudando co gando e nos labores agrícolas. O seu pai, José, era mariñeiro nun barco que facía a ruta da Arxentina mentres a nai Erminia Vaqueiro atendía aos rapaces, cultivaba a terra e sacaba adiante o fogar. En Vilanova non había escola, e o seu irmán Redosindo abriu a primeira do lugar animando aos rapaces a acudiren. E alí foi onde o pequeno Ubaldo aprendeu as nocións básicas para ler e escribir.

Con catorce anos, e mentres coida do rabaño de ovellas nos montes próximos, xoga a saltar dunha rocha a outra, sofre unha lesión medular que o incapacita para o resto da súa vida. Con moitas dificultades foi levado ata o Hospital Provincial en Pontevedra onde pasa varios meses.

Pasan os anos e Ubaldo mandou traer a pedra da que caeu e colócaa no adro da capela de Vilanova. Nela esculpe o inicio dun poema que fai referencia ao seu accidente e que glosa o espírito xeneroso e desprendido que percorre toda a súa vida: "Cautivo fui de ti/ Sin rencor, sin odio". Non foi esta a única pedra que mandou esculpir. Diante da súa tenda - taberna, colocou outra coa seguinte inscrición: Que me miras?/Son unha pedra./ Vivo e non como/ Nin teño pena.

A Ubaldo o accidente deixouno parapléxico polo que precisou de axuda para a súa mobilidade. Inicialmente consegue andar con muletas pero as abandona polas cadeiras de rodas. Ao primeiro tiña unha artesanal, cunha modificación que lle permitía desprazarse sen grandes axudas, grazas a un mecanismo de pedais, semellante ao dunha bicicleta, á altura das mans.

A pesar das dificultades que supoñía a utilización deste vehículo polos deficientes camiños de entón , Ubaldo utilizouna moito e salvando todos eses inconvenientes movíase con bastante soltura. Conseguiu unha nova motocicleta con motor, de tres rodas totalmente modificada ao seu gusto.

Ubaldo sempre foi moi animoso, nunca se arredou e así atopámolo na xura de bandeira de Marín, na festa do marisco do Grove, no Entroido de Donón, nas festas do Cristo en Cangas, ou en Pontevedra capital. Desde Cambados ata o lago Castiñeiras. Cando o lugar estaba moi afastado ou as estradas non eran moi boas, montaba co seu vehículo nun furgón que o achegaba ao lugar. Nunca deixaba de acudir á procesión de San Cristovo, engalanando o seu vehículo cos seus propios cestos, bandeiras e carteis, de tal xeito que en moitas ocasións gañaba os primeiros premios.

súa vida laboral desenvólvese na propia Vilanova, atendendo a taberna- tenda da súa propiedade, a mesma que fora antiga escola do seu irmán. O local tíñao disposto para atendelo sen problemas. Detrás da barra tiña un banco corrido polo que se desprazaba de punta a punta; ademais tiña un pau con forma de galla co que alcanzaba, dende a súa cadeira, a todos os produtos que vendía.

A súa taberna era o centro da vida social de Vilanova; alí non só se reunían a comprar ou tomar algo os veciños senón que servía de punta de lanza das máis variadas iniciativas e reivindicacións. Conseguiu o asfaltado dalgúns camiños, logra facer realidade o teléfono e o tendido do alumeado público para Vilanova cando outros lugares da parroquia aínda non o tiñan.

Elabora bandexas, cestos ou bolsos de vimbios ou de palla de centeo do país; pero si se lembra por algo a Ubaldo é pola celebración do Entroido nun tempo en que estas celebracións críticas e festivas non estaban permitidas polo réxime. En Vilanova foi o seu principal promotor costeando os gastos de gaiteiros, fotógrafo, etc.

Tiña especial predilección polos cruceiros. Mandou facer, pagados por el, os tres de Vilanova e capitanea a idea da construción dunha capela que acompañe ao cruceiro de Laxe do Pan. O seu éxito foi conseguir implicar a todos os veciños por igual, de aí que a capela de San Lourenzo (1976) sexa unha obra xurdida e levada ao remate polo pobo.

Ubaldo tamén organizaba, naqueles anos, viaxes para a xente nova de Vilanova que tiñan así a posibilidade de visitar e coñecer novos lugares converténdose no primeiro animador socio- cultural do municipio, organizando festas e excursións.

A pesares de vivir atado a unha cadeira de rodas toda a súa vida, foi quen de manter contacto cun gran número de persoas, de todas partes. Foi unha persoa sociable, divertida, moi activa, traballador incansable, con iniciativa, desprendido, e xeneroso. Estaba sempre disposto a axudar a calquera veciño sen esperar nada a cambio. Foi sen dúbida un valente, un home cheo de coraxe que nunca se arredaba ante os problemas.

Finou o 11 de xuño de 1996 e foi soterrado no cemiterio de Hío. Ubaldo representaba a ledicia de vivir, de compartir cos amigos, de sufrimento e loita ante as inxustizas, de superación ante as adversidades. Un corpo atado á unha cadeira pero un espírito libre que voaba moi por enriba das imposicións da vida.

(*) Biógrafo no libro da Cepa "Cadeira de soños"

Compartir el artículo

stats