Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Concello e colexios avaliarán a situación do galego en Moaña con enquisas ao alumnado

O cuestionario distribuirase en todos os niveis educativos ao longo deste curso

Unha actividade en defensa do galego con alumnos de As Barxas. // Santos Álvarez

Realizar unha "diagnose da situación do galego en Moaña" é o principal acordo adoptado na primeira reunión que neste mandato mantivo o edil de Ensino e Normalización Lingüística do Concello de Moaña, Aldán Santamarina, cos once coordinadores dos Equipos de Dinamización da Lingua Galega (EDLG) dos centros de ensino do municipio. Unha das accións que se porá en marcha en breve será unha enquisa distribuida en todos os centros educativos da vila. Co obxectivo de crear "unha rede de coñecemento mutuo", Santamarina organizou un encontro no Concello coa comunidade educativa no que cada unha das partes deu a coñecer os traballos que a través do Servizo de Normalización Lingüística se levan a cabo nos distintos centros de ensino de Moaña.

Para o estudo da situación da lingua galega no municipio, o Concello e os EDLG traballan xa na elaboración dunha enquisa que tras a súa distribución nos centros de ensino permita coñecer, a través dos mozos, tamén o emprego que os seus pais, avós, familiares e achegados fan da lingua nos distintos ámbitos da vida cotiá. Para que os resultados sexan o máis fidedignos posible, a enquisa "será igual en todos os colexios". Nun primer lugar realizarase un modelo de enquisa para secundaria, que posteriormente será adaptado para os cursos de primaria e infantil.

Como actividade que o edil de Ensino pretende incorporar neste curso a todos os centros de primaria destaca "Dobraxe na escola", que durante o 2014/2015 xa se ofertou en Domaio, Reibón e Quintela. Tamén se puxeron sobre a mesa outras actividades como "Canto xogo!" ou os "Encontros dos Axóuxeres".

Neste encontro, o edil de Normalización Lingüística confirmou que este ano o Correlingua do Morrazo vai celebrarse en Cangas o vindeiro mes de maio.

A reunión, que Aldán Santamarina valora como "moi positiva", foi un encontro no que se abriron novas "vías de traballo" no que a dinamización da lingua galega se refire.

Os coordinadores dos centros apuntaron tamén nesta reunión do pasado mes de outubro "a necesidade de realizar, ademais das actividades xa establecidas no funcionamiento cotiá, outras propostas que non sexan tan repetitivas e incidan máis no uso oral do galego". Para cubrir esta demanda, este equipo de traballo valora a realización dun certame de monólogos no que todos os centros de ensino do municipio puideran participar.

"É preocupante a situación que describen dende os centros de educación infantil e primaria", explica o coordinador do EDLG do IES As Barxas, Brais Pérez. Afirman que "cada vez menos nenos chegan á escola falando galego, nos institutos xa é algo que se vén detectando dende anos atrás".

Coincide co edil de Ensino ao valorar a reunión como "moi proveitosa". "Permitiunos coñecer ao equipo de traballo, a técnica do Concello de Moaña e prantexar iniciativas comúns: como o proxecto dos monólogos no que xa se está a traballar", explica Pérez.

Compartir el artículo

stats