Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Cangas premia a Pilar Piñeiro, Paco Mallo e Lembranzas da Ría na Festa da Cultura

O xurado dos Premios Xohan de Cangas e Ignacio Cerviño recoñece o traballo da ceramista, o aparellador e a asociación - Os galardóns entréganse mañá no Auditorio

Cangas premia a Pilar Piñeiro, Paco Mallo e Lembranzas da Ría na Festa da Cultura

Os premios Xohan de Cangas e Ignacio Cerviño de 2015 xa teñen donos. A ceramista Pilar Piñeiro Lemos é a elixida para recibir o galardón Xohan de Cangas á Creación Artística-Literaria, o arquitecto e aparellador Francisco Mallo Lagoa verá recoñecida a súa traxectoria profesional co Premio Ignacio Cerviño á Recuperación e Promoción do Patrimonio e a Asociación Cultural Lembranzas da Ría que dirixe Manuel Cobas recollerá o seu Premio Xohan de Cangas á Labor Cultural.

A entrega dos premios será que mañá nunha Festa da Cultura no Auditorio Municipal a partir das 20.00 horas. Será unha homenaxe ao traballo que os distintos persoeiros e colectivos de Cangas realizan a prol da conservación, promoción e fomento da cultura da vila morracense. A traxectoria de Pilar Piñeiro, Francisco Mallo e de Lembranzas da Ría recibirá un merecido recoñecemento e un impulso que invita aos galardoados a continuar coa súa labor desinteresada en beneficio da cultura da vila e da que levan o seu nome pola comarca adiante.

A prol da cultura

A ceramista Pilar Piñeiro Lemos leva máis de media vida ligada a esta disciplina artística. Nada en Cangas en 1961 diplomouse en Maxisterio. A súa interese pola cerámica comezou a manifestala xa de nova e no curso 89/90 inscribiuse nas clases que se impartían na Casa de Oficios Lorenzo Corbacho. Anos despois completaría a súa formación en deseño, torno, moldes ou esmaltes.

Os obradoiros de Sanania e Pilar Piñeiro-Cerámica contaron cos traballos da ceramista durante máis de 25 anos, actividade que compaxinou co seu papel de monitora de cerámica en distintos colexios da comarca. Tanto a nivel nacional como internacional, Piñeiro é unha habitual en mostras e exposicións (Ofeitoamán de Vigo, Argálica de Cangas, L'Artigiano in Fiera de Milán...).

Pola súa banda, o Premio Ignacio Cerviño á Recuperación e Promoción do Patrimonio caerá nesta edición nas mans do aparellador e arquitecto cangués Francisco Mallo Lagoa (1955, Cangas).

A súa interese pola conservación da historia da vila aflorou nos seus anos mozos. Mallo comezou un arquivo de fotografías antigas da vila que foi completando con artigos de prensa e poemas de escritores locais. Cursou estudos de Arquitectura Técnica e mostrou especial atención pola asignatura de Construción Rural Galega, eido no que fixo os seus primeiros traballos. O seu proxecto fin de carreira sobre o estudo da Casa Mariñeira en Cangas, baixo a titoría de Manolo Camaño, obtivo a calificación de premio extraordinario sobresaínte Cum-Laude.

Xa na década dos 90, Mallo participou como membro fundador na Xunta Xeral do Padroado de Patrimonio Histórico-Artístico e Documental de Cangas. Traballou no acondicionamento da Capela de San Roque e do entorno do Cruceiro do Lameiro. Tamén foi parte activa na recuperación da capela do Hospital.

Por último, a Asociación Cultural Lembranzas da Ría recollerá mañá no Auditorio o Premio Xohan de Cangas que recoñece o seu traballo a prol da Labor Cultural. A entidade leva máis de tres décadas, dende que foi fundada en 1984 por Xosé Menduíña Bastón, traballando na recuperación de bailes, cantigas e músicas que no día de hoxe conforman os seus espectáculos. Baixo a dirección de Manuel Cobas a asociación continúa incrementando cada ano o volume de integrantes e de cursos que se imparten nos seus locais, como os de gaita, baile, pandeireta ou canto.

O xurado encargado de elixir aos galardoados dunha nova edición dos Premios Xohan de Cangas e Ignacio Cerviño estivo conformado polo concelleiro de Cultura e Normalización Lingüística, Héitor Mera, María Jesús Torres, Fernando Cuñarro, María del Mar Núñez, Moisés Barcia, Estanislao Graña e Juan José Pérez. Todos os premiados foron elixidos por unanimidade.

Compartir el artículo

stats