Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

O monte é noso (II)

Reflexións a pós 35 anos da loita no Hío

No 1979 o monte pasa a comunal e acontecen avatares; foron relevantes os incendios

Manifestación en Santiago en novembro de 2014. // X.D.

Desde esta data, teñen acontecido numerosos avatares nos nosos montes comunais dos que podemos suliñar como máis relevantes os contínuos incendios, os intentos de apropiación particular e institucional e a merma da superficie comunal. Basta dicir que arredor do ano 1800 os montes veciñais en man común representaban entre 1,8 e 2 millóns de hectáreas, sendo que na actualidade quedan 640.000 hectáreas controladas polas comunidades que congregan a uns 150.000 comuneiros repartidos en 3.350 asociaciósn. Ainda así, vimos como hai pouco unha comunidade de montes como a de Beluso conseguiu en longo litixio, incrementar a sua superficie comunal, mais tamén vemos o estancamento nas reclamacións dos parroquianos de Aldán que puxan por demostrar a orixe do proceso de xentrificación efectuado nos seus montes pola casa condal asentada nesta localidade.

O labor que as Xuntas de Montes do Morrazo, igual que outras de Galicia, poucas veces alcanza visibilidade e cando se fai, vén motivado temporalmente polos incendios ou as plagas e puntualmente por conflitos de intereses que alcanzan grande difusión mediática como o da "usucapción" do monte pola Brilat, o de Mos por Aena ou o do macrocentro de ocio de Porto Cabral. Outros xorden por conflitos de antenas de telefonía, de instalación de parques eólicos ou de explotacións mineiras que promoven o uso do fracking. As conversións dalgunhas zonas en parques naturais como a Fraga do Eume, en espazos da Rede Natura ou en LIC (lugar de interese comunitario) como o da Costa da Vela, tamén veñen crear novas situacións xurídico-sociais que incomodan ás Xuntas de Montes e aos residentes. Ainda que resulte paradoxal, a veces, estes conflitos xurden provocados mesmo pola propia administración autonómica que desde a sua posición de forza, que non de lei, apoia proxectos de intereses particulares como o do xa famoso xeriátrico de Guitiriz. Para instalar o que ía ser o maior establecemento deste tipo en España (173 Ha. e 2.000 prazas) a Xunta ía expropiar sen coñecemento dos veciños, un bosque comunal para darllo en concesión a unha empresa que prevía un beneficio anual, antes de impostos, de 14,7 millóns de euros. A nova Lei de Caza que contempla unha única licenza para todo o territorio español, tamén lle vai afectar aos espazos comunais de Galicia, antecipando conflitos. O último vense de producir na rotura de acción entre a poderosa Confederación de madeireiros (Confemar) e a Xunta á que acusan de desatender as demandas do sector e non consensuar o último Plan de Desenvolvemento Rural enviado a Bruxelas. 70.000 propietarios, 3.000 industrias, 7.000 empregos directos e 1.700 millóns de negocio teñen convertido ao sector da madeira galego no primeiro exportador do estado e no primeiro sector estratéxico de Galicia xa por diante da pesca. O potencial madeireiro de Galicia sitúase entre os primeiros do estado e na diversificación da sua explotación hai outros factores rendibles como a silvicultura, o cultivo de cogomelos, o aproveitamento de códeas de árbol e da resina, a biomasa... que ben podían paliar o paro e contribuir ao fixamento poboacional no mundo rural. Neste sentido, a Lei Galega de Montes contempla a obriga ás comunidades ao reinvestimento da gañancias no monte nun prazo de catro anos.

Está claro, pois, o interese posto pola administración e empresas particulares nos montes comunais galegos, pretendendo privatizalos, non só polas razóns expostas, senón pola falta de rendabilidade que se lles achaca no negocio da madeira e que semellan descubrir agora as entidades mencionadas. Neste novo reto que se presenta sobre a sua existencia, debemos pensar que daquel auga e leña cada día veñan de antano, os montes morracenses rexidos por unha ducia de Xuntas parroquiais, teñen preservado áreas verdes necesarias ante o crecemento urbano e recuperado especies autóctonas esquilmadas. Asemade, nos mesmos, non só se habilitan zonas de "progreso tecnolóxico" para antenas e tarabelas eólicas, senón que xurden áreas recreativas, miradouros, alcoubes, parques, zonas de lecer e de sendeirismo, pistas deportivas, terreos para centros públicos de ensino ou sanitarios, preservación de fontes, mananciais e minas de auga, posta en valor de xacementos arqueolóxicos, congresos, publicacións... e un senfín de iniciativas xurdidas en todos estes anos de permanencia en man común.

(*) Mestre e investigador de Cangas

Compartir el artículo

stats