Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Personaxes de Cangas · Arquivo de A Cepa

Álvaro Guitián, o mariño impulsor do reloxo

Estivo destinado na Axudantía de Cangas entre 1907 e 1911 e foi nomeado Fillo Adoptivo da vila

O reloxo na súa segunda ubicación.

A Avelino Avilés

O mariño don Álvaro Guitián Delgado estivo destinado na Axudantía do porto de Cangas durante catro anos (entre 1907 e 1911). Deu a volta ao mundo no buque- escola Nautilius, na viaxe de prácticas (1892 -94). Xa como oficial foi comandante do destrutor Bustamante e capitán de navío do acoirazado Jaime I. No reinado de Alfonso XIII mandou barcos da Armada sendo nomeado Xentilhome de Cámara con exercicio da Real Casa e Patrimonio da Coroa (1927). Chegou ao grao de Vicealmirante e no ano 1935 ocupou cargo no Tribunal Supremo sendo un destacado militar republicano.

Guitián, ao pouco de chegar a Cangas, preside na Axudantía unha comisión formada polo alcalde, patróns, mariñeiros e veciños. O motivo principal da xuntanza era adquirir os instrumentos que permitisen á xente do mar coñecer as previsións do tempo. Estes coñecementos xunguidos á súa experiencia evitarían riscos e desgrazas. Os gastos do proxecto serían financiados por subscrición popular, aceptando tamén doazóns.

Mercaron un barómetro e un termómetro que serían mostrados ao público no escaparate do establecemento de Eduardo García Camiña, un local moi visible da praza. Seguiron coa recadación de fondos durante un ano e o dous de febreiro de 1908 reúnense de novo. Toman o acordo de encargar un quiosco en lugar da columna prevista. Sería adquirido por subscrición popular grazas ás 2.812 pesetas que tiñan recadado e no seu cumio levaría un reloxo de catro esferas por conta dos fondos do concello. A fábrica El Hércules doaba parte da pedra dos escanos do basamento. Presentáronse varios proxectos de estación meteorolóxica polo que convocaron aos mariñeiros para que escollesen. Foi aceptado un dos presentados polo Sr. Sanjurjo.

O quiosco quedou instalado o 19 de marzo do 1908 nun lugar estratéxico, na rúa do Progreso no límite dos barrios do Costal e do Sinal, entre a fonte da praza e a casa de Indalecio (Hoxe praza da Constitución). O reloxo de Guitián, como axiña foi nomeado, converteuse no lugar de encontro de varias xeracións de cangueses e referencia obrigada para as persoas que traballaban no mar.

Andando o tempo, ao ampliar os aterrados e construír a Alameda, foi trasladado ao outro extremo do recheo. Co paso dos anos o salitre, a corrosión e a falta de mantemento foron deteriorando á súa estrutura. Foi reparado na década dos cincuenta e, finalmente retirado sen saberse para onde. Algúns din que está en Barcelona, outros en Suíza e hai tamén os que pensan que acabou na ferralla.

Aquel vello reloxo aparecía coma unha pantasma na memoria dos cangueses. Unhas veces nas vellas fotos publicadas nos artigos do Faro de Vigo ou nos libros das Festas por don Eugenio Eiroa, outras nas paredes da taberna do Porrón. Ata que un bo día Avelino Avilés constrúe unha miniatura que o recupera do esquecemento e dálle vida. E Cecilio Rial colle a pluma e reclama que se volva levantar de novo: "Na alameda houbo un reloxo/ que xa tiña moito tempo / tamén tiña catro caras /e tiña a rosa dos ventos./ O reloxo xa estaba pago/ por don Álvaro Guitián/ un axudante de Cangas/ e os velliños do mar".

A mecha prende. E Antonio Graña (Tonino) presenta a proposta de levantar de novo o quiosco meteorolóxico. Recóllena e acéptana no Concello, Mariano Abalo e Manolo Camaño da Xestora Municipal. Era o ano 1991. No taller de Antonio Prieto fanse as catro coroas octogonais coas molduras de ferro e, coa axuda das fundicións Rey de Vilagarcía e dos modelos realizados na carpintería da Fe, vaise construíndo nos baixos da casa de Avelino Avilés. Os adornos foron realizados polo artista local Bladimiro Mielgo. Destacar tamén os traballos de soldadura de Antonio Iglesias e de Emilio Padín como electricista e de todas persoas que colaboraron no proxecto. O custo da obra ascendeu a algo máis de cinco millóns de pesetas aboadas polo Concello.

O día 10 de maio foi inaugurado oficialmente coa presenza de todo o pobo de Cangas desexoso de ver de novo o seu reloxo. A Banda Bellas Artes puxo a música e os versos de Cecilio Rial e Bernardino Graña resoaron naquela noite máxica.

Un vello lobo de mar trazou a mellor descrición do ilustre mariño: "Aínda nos ambientes mariñeiros de Cangas, esténdese a sombra grata, entrañable e benéfica de don Álvaro Guitián. Era xusto, bo e pai".

Guitián foi nomeado fillo adoptivo de Cangas e unha rúa leva o seu nome no barrio mariñeiro do Costal.

Compartir el artículo

stats