Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Personaxes de Cangas · Arquivo de A Cepa

Cecilio Rial, poeta popular de Darbo

Escribía o que sentía nese momento e eses sentimentos os plamasba nun cacho de papel ou o que tiña a man

Cecilio voltando do mar cos compañeiros.

Asiste á escola primaria en Balea e axiña deixa os estudos para pórse a traballar. Cumpre o servizo militar obrigatorio na escola militar de Marín. Cecilio Rial Casa con Amalia coa que terá sete fillos: Manolo, Pucho, Antonio, Barros, Amalita, Raquel e Miguel. Apaixonado da música, gustáballe tocar o pandeiro e a gaita.Facía as cancións para varias comparsas (Os Mariñeiros, Os de Sempre, As Incansables) e gustáballe baixar a escoitalas a Cangas.

Pero a súa verdadeira paixón foi a poesía. Polas noites, conta a súa muller Amalia, estando na cama pensaba os seus versos e si algún lle gustaba levantábase , ía ao cuarto onde tiña as súas cousas, sentaba na mesa, abría a carpeta azul de cartón onde tiña escrito o seu nome e comezaba... "Escribo esta poesía,/ que non vos pareza mal./ Amigo de toda a xente,/ eu son Cecilio Rial". Naquel cuarto tiña uns andeis onde gardaba os libros das festas da Romaría de Darbo que tanto lle gustaban e onde publicaba os seus versos.

Por mor da súa enfermidade custáballe aguantar o bolígrafo, daquela agardaba que chegase a súa neta Fátima e ditáballe as súas ocorrencias. Gustáballe dedicar os seus versos aos mariñeiros, sempre tiña a vista no mar e na súa xente, pero tanto lle facía un poema á area branca dunha praia como o alto dun monte. Cecilio escribía o que sentía nese momento. Plasmaba eses sentimentos nun cacho de papel, nun caderno ou o que tivese a man .

Paseaba moito pola Alameda Vella cada vez que baixaba ao centro, paraba na perruquería do seu amigo Gelito, sentábase a falar coa xente que alí estaba e despois paseaba e maquinaba as súas letras. Sempre pendente do que sucedía para facer unha canción. Outra parada obrigatoria era no Bar Celta onde tomaba os viños cos seus amigos a quen lles pedía opinión dos poemas.

Sempre falaba do seu gran amigo Pepe Poeta ao que lle tiña moito aprecio e moita admiración. Contaba que unha vez fora co seu amigo a Santiago e recibiran un diploma como poetas de Galicia.

Conta a súa neta Fátima que "Cecilio era un home moi familiar, gustáballe ver os seus fillos xuntos, que se levaran ben,que foran polas tardes a súa casa de Balea a visitalo e que falaran con el.Unha das cousas que sempre facía estando o carón do balcón da súa casa era poñer un pe nunha nas varandas e mirar para Balea mentres asubiaba algunha canción. Facíao sempre. Naquela casa,naquel cuarto con andeis cheos de libros, cos seus diplomas,aquela mesa redonda aquela carpeta azul de cartón coas gomas e aquelas sestas debaixo do limoeiro e as árbores e as viñas rodeando a casa era o que el tanto quería a súa casa de Balea".

Cecilio faleceu no ano 2000 e a súa neta fíxolle unha sentida poesía que titulou un Anxo e que empeza así: Xa fica un anxo no ceo./ Os noso corazóns rotiños están./ Contigo foise a alegría / e xa nada será igual./ Esta Virxe de Darbo / a que ti tanto querías / levoute ao seu carón / para que lle cantes poesías".

E a Cepa editou os seus poemas nun libro titulado Romaría de Soños (2013) e organizoulle unha Homenaxe no salón de plenos na Casa do Concello. Un encontro de amigos, familiares e veciños para lembrar a este home que dedicou parte do seu tempo a escribir sobre os acontecementos máis importantes que ían pasando ao seu carón na cidade de Cangas.

*Membros de A Cepa. Fátima Juncal Rial é neta de Cecilio

Compartir el artículo

stats