Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

As Festas do Cristo hai corenta anos (I)

O ano 1975 foi o ano no que morreu o dictador Franco e no que unha veciña de Cangas foi elexida Miss España

O grupo El Clan. // A Cepa

As Festas do Cristo desta época viñan ocupando cinco días como xa era habitual nos últimos anos e estaban organizadas por unha Comisión Executiva na que figuraba como presidente Fortunato Graña Núñez que un ano e medio despois (1977) sería alcalde do periodo transitorio á democracia. Outros compoñentes desta executiva festeira eran Serafín Lemos Miranda (Vic.), Manuel Lemos Soliño (Sec.), Manuel Alvarez Viéitez (Tes.), actuando como vocais José Mª Pérez Santoro, Antonio Núñez Fernández, Jesús Rodal Sotelo, Eduardo González Alvarez, Benigno Lemos Mallo e Manuel Camiña Fernández.

Os pasos organizativos da Comisión Executiva estaban tutelados por unha denominada Comisión de Honor integrada polo Patrón Maior da Confraría, Celso Carballo García, o Axudante Militar de Mariña Belarmino Martínez Sánchez e polo alcalde e Xefe Local do Movimiento, Antonio Graña Giráldez que xa levaba un ano e medio na corporación a proposta do Consejo Local del Movimiento.

As festas

O programa de festas na ver-tente relixiosa tiña como eixo central os actos e procesión en honra do Cristo do Consolo e da Virxe do Carme e iniciábase co tradicional desfile polas ruas dos xigantes e cabezudos, acompañados do son das gaitas e das bombas de palenque. Á tardiña e no cine Calvar, J. Mª Rey López, xefe do Instituto Sanitario, lería o pregón e faríase a presentación da "Reina de las Fiestas y su Corte de Honor", acompañados da actuación da coral "Lestonac". A partir das nove da noite, o folión e verbena nas Avenidas a cargo da banda "La Unión de Lantaño", que xa animara a tarde cos seus pasarrúas, e o conxunto ourensán "Agarimo". Estes grupos musicais, denominados conxuntos músico-vocais, armados de gui-tarras eléctricas comezaran o seu afloramento no ano 1965, data que coincide coa actuación dos Beatles en Madrid e que veu significar a apertura do Réxime cara estas actuacións en público e na televisión.

Xa que logo, nas festas de Cangas deste ano, estes grupos musicais combinaríanse nas verbe-nas con orquestras tradicionais como "Roma" de Pontevedra, "Los Cunters ou "Los Magos de España". Entre os conxuntos modernos estaban "Agarimo", "Añoranza", "Los Nocturnos" e "Los Jockeys" procedentes da Coruña, Vigo e Ourense. A verbena do domingo corresponderíalle este ano aos grupos cangueses "El Clan" e "Acuarela" entanto que á banda local de música "Bellas Artes" acaeríalle facer os pasarrúas e o concerto do mediodía. Outras bandas que presentaron o seu repertorio nestas festas foron, ademáis da xa citada, a Orquesta Municipal e gaitas da Coruña e a do Goberno Militar da mesma cidade.

Diversos grupos de gaitas como "Os de Marín", "Os Gatiños" de Portonovo ou o grupo infantil "A ponte de Rande", traído polo Centro Recreativo, completaban o programa musical. Por medio, a "XI Olimpiada de la Juventud" con competicións de atletismo, balonmán entre catro equipos locais, futbito e futbol infantil e tamén baloncesto e natación en modalidades masculina e feminina.

Contodo, sería a actuación do "Guignol Gorgorito" de Maese Villarejo o que tería unha gran acollida infantil, deixando unha grata lembranza que perduraría ata hoxe.

As obras públicas

O Cangas deste ano andaba rondando xa os 20.000 habitantes e entre as obras públicas que se realizaban, destacaban as aperturas, ensanches e pavimentacións con murrullo de numerosos camiños e ruas de acceso a praias, miradouros, colexios e outros puntos de interese. O asfaltado de ruas, varias adicadas a persoeiros franquistas, miraba máis cara o centro urbano e a sua contorna e habitualmente, estas obras ían acompañadas da correspondente limpeza dos desaugues e da ampliación da rede de suministro de auga ás parroquias para a que se proxectaba un novo depósito. Máis puntos de luz e fontes, o arranxo de lavadoiros, a limpeza das praias, o encauzamento do Bouzós ou miradoiros e parques en San Roque, Coiro e Cimade-vila, tamén constan entre as actuacións municipais destas datas. Porén, os proxectos de máis envergadura corresponderíanlle a instancias superiores, que executarían a estrada de Ourense, o paseo marítimo no Forte, os colexios de Darbo e do Hío, a ampliación do Instituto, a creación da Escola de F. P. ou o recheo marítimo frente á Alameda Vella, entre o peirao do Comercio e o Mercado. Esta ampliación de espazo, máis coñecida como "o aterrado", acollería o parque infantil e destinaríase a aparcadoiro, acollendo tamén a parada de autobuses. Pola sua total ocupación cos postos de venda dos feirantes nos dous días de mercado semanal, esta esplanada tamén sería bautizada como a dos "invasores". Nestas datas tamén se remataran o Pavillón Polideportivo Municipal, o complexo deportivo e campo de futbol de Aldán-Vilariño, unha Escola Nacional de Vela da que temos poucas noticias, marchando a bo ritmo as obras da nova Casa do Mar que sería inaugurarada polo rei no ano seguinte. Claro que moitos outros proxectos que se anunciaban haberían quedar na intención e algúns deles non terían realización ata unha década despois como o recheo de Aldán para o mercado e Casa do Médico, a Biblioteca Municipal, a nova Casa do Concello, o cuartel da Garda Civil, as oficinas de Correos e Telégrafos, un centro para a Cruz Vermella ou o Xulgado comarcal... O Plan Xeral de Ordenación Urbana, o traslado do cemiterio, novas vivendas para obreiros ou unha incineradora para o vertedoiro de Baralonga, amén doutros proxectos, quedarían sen realizar.

Sociedade, cultura e economía

Un pear básico na atención sociocultural sería a Caixa de Aforros Municipal de Vigo que, ade-máis dos créditos para empresas, vivenda e incluso automóbiles, desenvolvería unha grande actividade através da sua Obra Social. Esta sería dunha importancia fundamental non só no refe-rente ao tema do aforro e das pensións, senón que tamén promovía viaxes para a terceira idade, concertos sinfónicos, teatro, actuacións, promoción dos deportes, trofeos para as competicións, edición de revistas, carteis e moitas papeleiras, maceteiros e bancos que espallaban o seu logotipo por todo o ámbito do concello. Moi celebrados foron o parque infan-til do novo recheo e máis ainda o reloxo-carillón que instalado no cimo do seu edificio xa había case unha década, comezaba a ser unha referencia vital, marcando os tempos do día a día dos cangueses cos seus toques e melodías nas horas do Ánxelus e de Oración. Ademáis desta entidade bancaria estaban tamén o Banco Pastor, o máis antigo na vila, a Caixa de Pontevedra e o Banco do Noroeste.

Nestes días o Cine Calvar ofrecía por uns 6 cts. (10 pts.) e en tres sesións, a posibilidade de ver desde o patio de butacas a exitosa película "Luna de Papel" con Ryan O´Neal e a sua filla Tatum que gañara o Oscar á interpretación. O numeroso persoal da fábrica Massó, sobretodo o masculino, andaban moi revolucionados ante a presenza da exuberante e sensual actriz italiana Ornella Muti que rodaba na baleeira de Massó, unhas escenas da película "La joven casada" de Mario Camus. As lanchas "rápidas" de Suso de Leta, sustituiran a Vapores no tránsito de ría e permitían nun santiamén achegarse a Vigo á Primeira Feira do Libro, ao Corte Inglés, recén inaugurado, ou ás modernas discotecas Electra, Oliver... Tamén Bernardino Graña presentaba o seu terceiro libro de poemas "Non vexo Vigo nin Cangas" e os estudantes do Instituto xa podían acceder á edición pública das obras de Castelao ou a Historia de Galicia de Risco. O movemento nacionalista, ainda na clandestinidade, sufría neste mes unha forte represión policial coa detención de militantes e a morte, a mans dos "grises", de Moncho Reboiras. A sua actividade en Cangas utilizaría como plataforma o Centro Recreativo e Cultural (Casino) que no ano seguinte, 1976, xa participaría no programa das festas con actos culturais.

O Cangas desta época comezaba a desfacerse lentamente das eivas do corsé franquista, propiciado pola boa situación económica e o impulso dunha sociedade máis dinámica. As fábricas de conservas Massó, Chamadoira, Iglesias... empregaban a numerosas mulleres e os homes e mozos atopaban fácil emprego nas frotas de baixura, altura ou na mercante e senón nas fábricas de redes de Marina Hispánica ou Vilasmar. O fluxo de cartos deixábase notar nas numerosas tendas de menaxe, de mobles de cociña e de electrodomésticos con novidades como as neveiras, os termos, os fornos e as custosas lavadoras, todo eléctrico.

O nivel de vida tamén se notaba no aumento do parque móbil que trae duas autoescolas, incrementándose os talleres de reparación (Barca, Araújo, Fidauto...) ao que agora se incorporaría Talleres Barreiro, o flamante concesionario da Seat e ao pouco Luaces co da Citroën. Os antigos secadoiros de redes deixaban oco para novas urbanizacións en Rotterdam con vivendas unifamiliares e en Rodeira e na rua Marín, onde se erguían edificios en cuxos grandes baixos se abrían modernas cafeterías como o Greyca e Jucamar: Inmobiliarias como Arosa comezarían a xestionar o negocio da venda de pisos. A vila ainda non contaba con discoteca e a xuventude acudía a escoitar música moderna en directo no Riverside. Mais a alternativa cotiá ao ocio estaba nas numerosas tabernas do casco antigo (Lecheria, Os Toneles, Novo Barreiro...) e da Alameda Vella, entorno á cervexaría Paton, o Relax, o Barbazul...

O Porrón, o Airiños do Mar, o Bonín-6 ou a Bolera en Rodeira tamén eran alternativas para dis-tintas clases de públicos segundo as preferencias. A restauración local tiña desta como restaurantes emblemáticos a Casa Araújo ou o Xo-an, sendo xa de moita sona O Pote ou Casa Simón.

Compartir el artículo

stats