Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

O crego don Valentín Losada

Naceu en Rianxo e estivo máis de 30 anos en Cangas, onde unha rúa do casco vello leva o seu nome

O crego don Valentín Losada

De neno asiste á escola primaria na vila de Rianxo e ingresa no Seminario de Compostela, onde remata a carreira de Teoloxía con doutorado en Dereito Canónico. Ordenado sacerdote foi destinado a Pontevedra para facerse cargo das cátedras de Relixión e Historia Sagrada no Instituto e na Escola Normal, exercendo de coadxutor na parroquia de San Bartolomeu. Posteriormente, en 1903, mediante concurso de vacantes, obtén a parroquia de Santiago de Cangas.

Desde mediados de xaneiro de 1905, exerce de "coadxutor in capite", na vila canguesa,pasando a ecónomo á morte do crego don Xosé Martínez. A corporación municipal de Cangas solicita do Cardeal de Santiago, Martín de Herrera, que Valentín Losada sexa nomeado párroco en propiedade, accedendo á praza despois do concurso de curatos de 1910.

Don Valentín foi un crego moi activo , organizaba moitas actividades culturais e actos relixiosos. No ano de 1926, sofre unha grave enfermidade, da que se recupera satisfactoriamente.

De vez en cando, recibe a visita de súa prima Purificación, persoa moi relixiosa, que trae cando a ela ao seu fillo e que vai ser futuro poeta do mar: Manuel Antonio. A nai quere que o seu fillo se interese pola carreira de cura. Tráeno a pasar en Cangas algúns días co seu curmán. Pero ser crego non é do agrado do rapaz, segundo lle indica por carta a súa nai:

"Querida mamá: Yo me encuentro aquí en Cangas desde el 7 de octubre, pero me marcho a Padrón para Santa Cecilia, porque no quiero ser cura. Recuerdos de todos..."

(Manuel Antonio).

Valentín Losada pide o traslado para Santiago de Compostela e no ano 1931 abandona Cangas para facerse cargo da igrexa parroquial de San Frutuoso e da capela de santa Susana.

En xaneiro de 1931, os fregueses de Cangas, como mostra de agarimo ao que fora seu crego durante 26 anos, despois dunha subscrición popular ofrécenlle un cáliz, construído pola ourivaría de Augusto Otero, con expresiva dedicatoria e os escudos da vila e da parroquia incrustados nel e que foi entregado o 14 de febreiro ao coincidir coa súa festa onomástica.

No púlpito Valentín Losada era moi bo orador. Foi convidado a predicar na misa solemne da Virxe de Guadalupe de 1931 e ao ano seguinte foi chamado a Pontevedra a misa maior dedicada á Divina Peregrina.

Chegan os anos terribles da Guerra Civil. Nos primeiros momentos, en Santiago, amparou a persoas de Cangas de ideoloxía socialista. Persoas da Fronte Popular que buscaron refuxio e protección para evitar a represión dos falanxistas.

O crego Losada viña da familia Losada. Moi influínte nas dereitas de Rianxo e, posiblemente por medo, moi logo vai cambiar de postura, asistindo a diversas celebracións e arengas que daban os falanxistas desde o balcón do concello como lembraba en Rianxo Teresa, a irmá de Castelao.

Como elocuente orador que era e atendendo aos desexos dos seus antigos fregueses, acode a Cangas para predicar na solemnidade da Inmaculada e na de Santa Lucía. Alí sorpréndeo a morte o 20 de decembro de 1937. Tiña 63 anos.

Don Valentín Losada foi nomeado fillo Predilecto de Cangas e soterrado ao lado de súa nai, no cemiterio. O concello fíxose cargo dos gastos "O cadáver estivo exposto na casa do Sr. Boullosa, gran amigo do extinto, e foi visitado polos veciños que rezaban o Santo Rosario". O enterro resultou unha verdadeira manifestación de sentimento. Estiveron presentes cregos vidos da súa vila natal e moitos amigos.

Un ano despois, a corporación de Cangas, dedícalle o seu nome á rúa onde falecera, e réndelle unha homenaxe póstuma.

E, para rematar, unha anécdota do popular poeta de Cangas, Serafín quen tiña a graza de dicir que esa rúa dedicada a Valentín Losada (que antes tivera os nomes de rúa Xesteira, rúa 13 de setembro e rúa 14 de abril) debía chamarse a Rúa das 15 viúvas porque ese era o número das que vivían alí.

Compartir el artículo

stats