Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Camposantos de disidentes en Moaña

En 1942 inaugurase un novo camposanto en Trigás, coa inscripción de Cemiterio Municipal Católico e nun recuncho o de disidentes

Partindo de que a palabra disidente emprégase para nomear ás persoas que se afastan da doutrina relixiosa, política, social, etc., común a unha comunidade ou grupo, a normativa tradicional católica, ata fai pouco tempo, consideraba como tales, aos que profesaban outras relixións ou, sendo católicos, non admitían os últimos sacramentos, tiñan a pena de excomuñón sen levantar ou suicidábanse. Cando algunha persoa morría nesas circunstancias, a xerarquía eclesiástica, destinaba para eles cemiterios especiais, nos que prohibían situar sartegos con simboloxía relixiosa, acompañamento de cregos, tanguido de campás, funerais, e demais honras fúnebres.

Do mesmo xeito que acontecía nas demais freguesías, na de Moaña, dende lo menos o século XII en que foi fundada, destinouse unha franxa de terreo do adro alto, orientada ao sur, para situar nel un cemiterio de disidentes e transeúntes pois, os defuntos moañeses que finaban de acordo coa normativa relixiosa imperante, sepultábanse no chan da igrexa de San Martiño.

Ao ter que ampliar o templo no ano 1763, debido ao crecemento da poboación moañesa, unha das primeiras obras contratadas foi a de habilitar outra zona máis ampla do adro, a orientada cara ao norte, para enterrar aos disidentes; á vez, aproveitouse a maior superficie da igrexa para estender o número de sepulturas. Deste xeito continuouse ata 1833, ano en que o arcebispado de Santiago prohibiu que se inhumaran máis cadáveres dentro das súas igrexas, debido aos riscos para a saúde que supoñían.

Para afrontar tal prohibición, o párroco de entonces, D. José Antonio Mouriño, mandou acoutar con muros de pedra un terreo eclesiástico, situado entre o antedito cemiterio do adro alto e o foxo do castro contiguo, co obxecto de destinalo a camposanto parroquial. Rematada a obra, a partir do mes de novembro de 1833, comezáronse a enterrar nun camposanto parroquial católico, ao aire libre, a todos os moañeses que morrían de acordo coas leis eclesiásticas; este foi ampliado en 1865 para converterse en municipal católico, continuando cos enterros dos disidentes no mesmo lugar do adro alto.

Como a poboación moañesa seguía aumentando, e o antedito camposanto non tiña posibilidades de estenderse, en 1942 inaugurouse un novo no lugar de Trigás onde, no seu portalón principal, foi colocada unha inscrición que rezaba: CEMENTERIO MUNICIPAL CATÓLICO. En contraposición, destinaron un pequeno recuncho lateral, rodeado de muros e con entrada a través doutro portalón, máis cativo, no que foi colocada a seguinte epigrafía: CEMENTERIO DE DISIDENTES.

O cambio que tivo lugar na Igrexa sobre o acompañamento a todos os católicos e a chegada da democracia, están na orixe de que calquera familia que o desexe, poida solicitar acompañamento relixioso para todos os finados, e sepultalos no cemiterio de Trigás que pasou, todo el, a ser público logo dun acordo municipal, emitido na década dos anos 80 durante o mandato do alcalde, Xavier Abalo quen, mandou substituír o letreiro primixenio por outro no que se pode ler, en galego: CEMITERIO MUNICIPAL DE MOAÑA, instalado cando xa se derrubaran os muros e o portalón do destinado aos disidentes.

No que atinxe aos acompañamentos que se facían a estes últimos, no libro "A Escola Pública en Moaña 1786 - 1970", editado no ano 2012 pola Agrupación Cultural Nós, descríbese como, durante a Segunda República, o mestre D. Santiago Barreiro, tiña por costume asistir, cos alumnos do grupo escolar de Quintela, aos enterros dos seus familiares. Como non distinguía entre os enterros católicos e os de disidentes, foi condenado polas autoridades franquistas cunha suspensión de emprego e soldo durante un mes, a pesar dos informes favorables a súa persoa do comandante da garda civil e da inspectora de 1ª. Ensinanza de Pontevedra, complementados cunha certificación neutra do párroco, D. Enrique Rubido de la Gándara, na que reflectía que: En una ocasión asistió a un entierro civil con los niños de su escuela. Tuvo esta debilidad, al parecer llevado por la costumbre de hacerlo cuando el fallecido tenía familiares en su escuela.

Relacionado coa potestade que tiñan os párrocos moañeses para decidir o lugar de enterramento dos seus fregueses, na documentación xeral do Arquivo Diocesano de Santiago, consérvase unha carta que o capelán de Tirán, D. José Vidal, remitira ao gobernador eclesiástico de Santiago o 12 de abril de 1884, informando que desde a toma de posesión do cura propio de Moaña, D. Manuel Iglesias: entierran a los pobres que cumplen a media los preceptos en el atrio y a los ricos, aunque no los cumplan nada, en el cementerio.

Durante o ano 2006, o antedito cemiterio, despois de ser baleirado superficialmente de restos humanos, cubriuse con lousas de pedra, sen deixar pegada algunha da súa antiga misión; pola contra, no adro alto, onde enterraban aos disidentes, aínda continúa no mesmo lugar o sartego de pedra de Manuel Maquieira Gómez, enterrado sen acompañamento de cregos nin simboloxía relixiosa algunha, despois de aforcarse, o 19 de xullo de 1922, en un hórreo de su propiedad de dicho barrio de Quintela, segundo consta no rexistro civil moañés pois, no libro parroquial de defuntos, o párroco, D. Enrique Rubido, non anotou nada.

Na actualidade empregase o recinto onde se atopaba o antigo cemiterio municipal católico para acoller as orquestras e os bailes durante as festas de San Martiño e, por paradoxal que pareza, enriba do sartego no que está enterrado o antedito disidente, Manuel Maquieira, continúan descorrendo procesións con toda clase de simboloxía relixiosa.

(*) Investigador de Moaña

Compartir el artículo

stats