06 de junio de 2014
06.06.2014
ficha persoal

"Tras nove meses de traballo, a orquestra está no seu punto álxido"

Esta noite presentan o novo repertorio nun concerto no Auditorio, con entrada de balde

06.06.2014 | 01:28
Alberto González Avilés, onte, no Auditorio de Cangas.

n Máis dun cuarto de século como docente entre a Escola e o Conservatorio de Música e unha longa traxectoria como compositor e director. Tivo mestres como Aldo Ceccato e Helmut Rilling, entre outros. Está á fronte do Proxecto Orquestral desde a súa creación, en 2007.

Despois de nove meses de traballo para ensaiar o novo repertorio, o Proxecto Orquestral, con máis de medio centenar de músicos e mestres do Conservatorio e a Escola de Música de Cangas, sube hoxe ao escenario do Auditorio (21.30 horas, entrada de balde) para ofrecelo ao público. O sábado 21 estará no Teatro Principal de Pontevedra, mentres comezan as gravacións para o que será o cuarto disco en sete anos de existencia.

-O Proxecto Orquestral naceu en 2007 e non tardou en consolidarse. Como se consegue artellar unha proposta que semella tan complexa?

-A idea de profesores e alumnos foi darlle unha saída práctica á formación instrumental máis alá dos concertos de Nadal e fin de curso. É complexa de xestionar en moitos aspectos, porque está formada por xente variopinta. A principio eran 28 músicos e agora son 60, a franxa de idade vai desde os 12 ou 13 anos ata os 50, e tamén hai que lidiar coas obrigas académicas ou profesionais dos seus membros, con outras actividades que teñen, coas súas afeccións ou cos cambios xeracionais e a incorporación anual de integrantes. Aínda así logramos xuntarnos unha vez por semana e tamén se tralla por seccións, en fragmentos concretos.

-Supoño que todo iso hai que telo en conta á hora da orquestración, da que vostede se encarga.

-Claro, inflúe á hora de escribir a música ou adaptala para a orquestra. Hai que saber o que queremos facer contando coas ideas e gustos máis diversos. Ademais, neste proxecto hai outras peculiaridades, porque temos corda, familia completa de clarinetes, piano, vento-metal e percusión. Faltarían oboes, frautas e fagotes [tampouco hai profesorado para impartilo], pero cúbrense esas lagoas con arranxos, sen que se note.

-Cales son as características do repertorio que interpretan?

-Mantemos algúns do ano pasado, pero case todo o repertorio se vai modificando, porque a renovación do Proxecto Orquestral é permanente e cada ano que comeza é unha incógnita, ilusionante, que se presenta. Son o compositor das obras propias e arranxista doutras xa coñecidas, como bandas sonoras de películas e obras clásicas. Queremos que os membros se sintan identificados cos temas que interpretan e as disfrute o público.

-Que novidades lles presentan este ano á audiencia?

-O programa do concerto divídese en dúas partes. Na primeira hai cinco temas: "Metamorfose sobre Cantique de Noël, de Adam; "Memorias de África", de John Barry; "Romance del diablo", de Astor Piazzolla; "O violinista no tellado", de Brook e Williams; e o tema final do primeiro acto de "O fantasma da ópera", de Lloyd Webber. Na segunda parte interpretamos "Slave children´s crusade", de John Williams; "Feather theme", da banda sonora orixinal de "Forrest Gump", de Alan Silvestri, e unha suite sinfónica sobre "O príncipe de Exipto", de H. Zimmer e adaptada por min para esta ocasión.

-Por que escollen sempre estas datas para a xira de concertos diante do público?

-Ven marcado polo curso escolar, a rodaxe e as vacacións. Temos detrás nove meses de traballo intensísimo, un gran esforzo dos alumnos e dos seis profesores que traballamos no proxecto, un concerto de Nadal e outro de fin de curso, pero é agora cando a orquestra está no seu punto álxido. Hai que entregarse a fondo para que ese esforzo se visualice e, sobre todo, por respeto ao público que nos escoita.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
 

Calendario laboral y escolar 2017/2018

Calendario laboral 2018 en Galicia

Calendario Laboral 2018 en Galicia

Aquí tienes a tú disposición todos los días festivos en  Vigo y en Galicia , así como el Calendario escolar 2017/2018 .

 

Enlaces recomendados: Premios Cine