De todo o traballo de Ruth Matilda Anderson con 5.000 fotografías de Galicia, publicaríase en 1939 o libro "Gallegan provinces. Pontevedra and La Coruña" que recolle en pouco máis de 400 páxinas perto de 500 fotografías. De todo ese material, unha boa parte -arredor dun cento de páxinas- corresponden á Costa da Morte. Estas expedicións fotográficas marcarían toda a sua carreira e non só lle permitirían adquerir unha experiencia directa vital, senón que ademáis lle proporcionarían un material primordial para o seu traballo. Actualmente, as suas fotografías de Galicia ocupan un lugar senlleiro nas coleccións da Hispanic Society, constituindo vivos documentos de costumes e lugares que, en numerosos casos, xa non existen.

Ruth Anderson aceu en Nebraska (USA) e era filla de Alfred T. Anderson, empresario do tendido do ferrocarril e moi afeccionado á fotografía quen, xunto cunha amiga, acom-pañaron á sua filla no seu primeiro percorrido fotográfico por Galicia. Ruth estudara para exercer de mestra, mais a sua paixón pola fotografía levouna a estudar esta disciplina e despois aceptar a oferta de Archer Milton Huntington, presidente da The Hispanic Society of America de facer un periplo fotográfico por España que iniciaría en 1924. Entre este ano e o 1926, percorrerían boa parte da xeografía galega nun Ford alugado, retratando con incríble ta-lento plástico -pese aos atrancos técnicos e ambientais- aquela Galicia de redeiras, de pescantinas, de feiras, de cativos descalzos, de mulleres fatigadas e envellecidas con enormes fardos na cabeza, camiñando a pé interminables quilómetros entre pobo e pobo. Apesar de ter como obxectivo principal o retrato social e etnográfico da Galicia da época, apenas coñecemos tres fotografías de Ruth Matilda Anderson tiradas no Morrazo: unha de Cangas ao baixar do vapor e outras duas dunha carpintería de ribeira en Domaio. Mais, paradoxalmente, a fotógrafa habíanos deixar uns interesantes relatos nos que subxace o afán indagatorio, recollidos na sua chegada a Cangas en setembro do 1924. Cando Anderson arriba a Cangas, a Ditadura de Primo de Rivera xa levaba un ano de andadura e o seu férreo control das actividades laborais e lúdicas notábase moito na relativa tranquilidade social existente. Pedro Rodríguez Pérez era o alcalde designado polo Directorio, segundo rexidor desta etapa de réxime monárquico-militar.

(*) Mestre de Cangas