Lembranza do pasado pero también aprendizaxe de cara o futuro e o presente. Ésa é a mellor lectura que se pode extraer do acto homenaxe a Johán Carballeira, que un ano máis organizou a Asociación de Amigos de Johán Carballeira coincidindo co aniversario da súa execución, o 17 de abril de 1937, xunto ó sindicalista Manuel Graña Pouseu e ós canteiros Avelino Chapela Soliño e Manuel Chapela Couso. A Semana Santa fixo trasladar ó día de onte un acto no que se reuniron preto de 60 personas e no que Manuel Mosteiro, presidente do colectivo, foi o encargado de leer un manifesto no que apostou por recuperar o espírito de Carballeira.

Mosteiro animou a que "igual que eles loitaron pola defensa das liberdades e do rexime democrático contra o que os golpistas se levantaron en armas, nós debemos erguernos cada día guiados polo seu espírito e loitar pola defensa dos nosos dereitos e liberdades que se ven atacadas e cortadas nos últimos tempos". Fíxoo nun discurso no que subliñou a necesidade de "lembrar e sobre todo reivindicar" a figura de Johán Carballeira nuns tempos nos que os políticos son asociados "a palabras como corrupción, prevaricación ou financiación ilegal". Fronte a isto, o exemplo do exalcalde, represaliado xunto a membros da corporación municipal do 36 "polo seu labor a prol dos dereitos dos veciños desta vila".

Apuntou tamén Mosteiro por ter como referentes das loitas polas liberdades e dereitos a homes como Fariña, Jacinto Lamosa, Villaverde ou Francisco Escáneo, entre outros, pola súa loita por un Estado do Benestar que agora está en perigo. Nesta liña, o dirixente de Amigos de Johán Carballeira afirmou que hai que erguerse cada mañán lembrando que estes veciños "eran xentes coma nós", xentes "limpas nas súas actuacións, que non se movían por intereses espúreos e escuros como os que segaron a vuda de Ricardo Gómez Buceta ou José de la Torre, que representan a todos os que hoxe queremos homenaxear".

A súa intervención rematou en aplausos e na interpretación do himno galego a cargo dunha gaiteira mentres os presentes entonaban con emoción as coñecidas estrofas "Que din os rumorosos na costa verdecente, o raio trasparente do prácido luar....". Foi pouco antes de facer a ofrenda floral, que este ano correu a cargo de dúas familiares de represaliados tras o golpe de 1936. A filla de Avelino Chapela, fusilado con Carballeira, Carmen Chapela, foi unha delas xunto á neta de Francisco Aldao, Guadalupe Vizoso Aldao. A continuación os presentes recolleron claveis para colocalos a modo de ofrenda no monumento de Johán Carballeira situado no fronte marítimo.

A continuación, a actividade trasladouse ó Centro Social do Mar, onde se desenvolveu unha charla na que participaron o profesor e historiador pontevedrés Xosé Álvarez Castro, o historiador marinense Celso Milleiro e o directivo da Asociación de Amigos Johán Carballeira Xosé Novas. Os dous últimos foron os encargados de describir os sucesos acontecidos nos primeiros días do golpe de 1936, concretamente, do 18 ó 21 de xullo en Bueu e Marín, facendo fincapé no importante papel da unidade de tiro Jaime Janer de Marín, que foi a responsable de atallar a oposición o golpe, e de destituir a Johán Carballeira para entregar o poder a Gonzalo Torrente.

Pola súa parte, a intervención de Xosé Álvarez Castro centrouse no proceso de represión posterior ó golpe e nas forzas que participaron na mesma, mostrando luz sobre feitos menos coñecidos como que os principais xefes militares do Exército e da Marina en Galicia foron fusilados por estar en contra do golpe. "Aquí non houbo dous bandos senón un proceso de represión desde o primeiro día", sentencia Xosé Novas.