En Cangas dáse de todo en cantidade e en calidade: música de banda, agrupacións de cantos corais, gaiteiros e grupos tradicionais, orquestras, música moderna, solistas, bailarinas, formacións novas de rock, heavy, ska, jazz, e, dende hai 25 anos, coa Escola de Música e o Conservatorio Profesional van xurdindo novas voces e o Proxecto Orquestral.

Dende mediados do século XIX, cando algúns mozos dedicaron o seu tempo á música coa intención de formar unha banda como a histórica El Eco de Cangas (1913), da que nos dá noticia Manuel Blanco (Virutas), unha formación de 16 músicos dirixidos pola batuta de Fernando Costas. Ata que nos anos 20 inicia a súa andaina a banda formada polo músico Marcelino Carballo, cun concerto no cine Saturno, na rúa Real, con 30 instrumentos mercados en Italia por subscrición popular. Nomes como Manolo Chilola, Requinto, Paco Picué e Xesús Cordeiro, que tanto axudaron a consolidar a Banda Bellas Artes.

O libro da música que prepara A Cepa dedica unha gran parte á Banda Bellas Artes e ás persoas que a fixeron posible ao longo dun século de existencia: Marcelino Carballo, o seu fillo Eugenio, ata chegar á moderna traxectoria que arrinca coa batuta do mestre Inocentes Camaño (1982) que con tan só 15 músicos renova repertorio e anima á xente nova a formar parte dela, chegando a ter 45 membros. Novos directores van pasando pola formación ampliando o repertorio, tanto de música clásica como tradicional e de composicións propias, que ofrece nos seus concertos.

Corais e gaiteiros

Sempre houbo aquí moito gusto pola música. Dende a antiga Coral Canguesa, o coro dos Mariñeiros, o de Massó, dirixidos por Eugenio Carballo, as serenatas das Pepitas, o coro San Xosé e a coral Lestonnac, dirixida por Xosé Pena. Outras voces viñeron sumarse a esta polifonía: Queixumes do Hío, Brisas da Ría, Amigos da Canción, Ni Fu, Ni Fa, Mornura, Santiago de Cangas, Areas Gordas e o coro do Costal, o último en aparecer nos escenarios cangueses. Todos son exemplo do gusto pola canción.

O mundo da gaita rexorde con forza no século pasado con nomes míticos coma o Choqueiro de Cangas. As súas pezas foron recollidas no "Cancioneiro de Casto Sampedro" e recuperadas polo grupo Berrogüetto no disco Navicularia. Sagas familiares coma os grandes Airiños do Castelo, Erundino González Pazó (O Felecho) ou Xesús (O Carballeira), mestres de novos mestres da música tradicional coma Xosé Gutiérrez (Chamiceira) ou Xosé Fernández Canosa (O Ghaiteiriño).

Seguimos a gozar dunha boa época nos nosos días, con gaiteiros da sona de Manolo Solla, Anxo Gago, Cesáreo e Alberte Coya e grupos tradicionais consolidados como Lembranzas da Ría, Tromentelo, Tebras, Veña que Vai, Abaladoiro, Chacarandaina. Nomes como Carmiña Pérez Alonso, directora de grupos de baile: Ximalveira, Soavela, O Cruceiro, ou Xosé Bermúdez (Pepe Choula) e outros que tiveron e teñen o mérito de facer que a música tradicional continúe viva no Morrazo da man e do labor de artesáns da gaita como Cristóbal Prieto ou Manolo Soaxe.

Tempos de orquestras

Andando o tempo, nos anos 60 vanse conformando as orquestras. Veñen os Nuevos Ritmos, Iberia, Pasapoga, Los Ibéricos, Los Magos de España con Inocentes Camaño e Pepe Macillos, o grupo Acuarela, Los Seis de Galicia e Los Dinámicos de Álvaro (Barca). Pedindo paso chegan os novos conxuntos musicais dos anos 70, Los Rítmicos, The Géminis, Los Mismos, Crema ou Los Temas, e xorden grupos como Nuevas Amistades, triunfadores no Festival de Mallorca, e cantautores de sona como Xoán de Aldán, recentemente falecido. - grupos de rapaces como os de Millo Verde, de Aldán, que popularizaron tamén cancións en galego e crearon temas novos como a "Foliada do santo Amaro".

Mulleres, espectáculo, jazz

tamén as mulleres do mundo do espectáculo, que abriron camiño naqueles tempos difíciles do franquismo represor. Aí están os nomes da vocalista A Nocha, ou de Fina, subíndose aos palcos coas orquestras do momento. É o mérito de Xosefa Rodríguez Parcero (Pepita de Oro) e de Virxinia Bamio, que trunfaron no mundo do teatro de variedades. Nomes de muller recuperados con orgullo para a historia da música en Cangas, que volven nos espectáculos de cabaré de Nelson Quinteiro, quen enlaza a modernidade creativa coas orquestras de máis Gharbo!

Daquelas pioneiras sesións de jazz organizados por Tomás Fandiño no pub Irakere e daqueles festivais foron xurdindo formacións coma o Quorum Musical ou Balea's blues Quintet que van dar relevo a outros músicos mozos da valía de Max Gómez, Iago Fernández ou Xan Campos, da man de Luís Carballo, que nos convoca ás sesións do Canjazz no Eirado do Costal. Todo este labor e esforzo, coas súas protestas e mobilizacións incluídas, levedaron na creación da Escola e do Conservatorio de Música. - de todos estes esforzos, "in crescendo", chegariamos ao Proxecto Orquestral, a máis importante creación colectiva no eido musical de Cangas de todos os tempos.

Novos tempos

Pero a vida musical segue, ten que facelo. - aparecen as novas agrupacións musicais capitaneadas polo almirante da música Suso Soak, ou por Astarot, grandísimo grupo de rock, pasando por grupos de música máis nova, Lavorda, Póstuma, Absorbed, Nenö, Malas Pulgas, Os Daquídarría ou Na Virada, co seu capitán de abril, Xico de Cariño, e a música desenfadada da Tuna Rastafari, liderada por Alex, ou a charanga dos Chiviñas. Un bo mostrario do quefacer musical cangués no Son de Cangas e no Directoxove.

A asociación cultural A Cepa organizou en 2011 unha exposición na Casa da Cultura sobre o mundo da música: o canto, as danzas, as orquestras , os grupos musicais, os gaiteiros e o folclore de Cangas do último século. Aquela exposición deu pé ao presente libro. Agardamos que estea ben afinado e que poidamos seguir facendo música, tocando, bailando e cantando en Cangas por moitos anos.