Lorenzo Corbacho Rodal foi un canteiro, socialista, afiliado da Unión Xeral de Traballadores. Xunto con Manuel Nores foi o sindicalista e político de máis relevo en Cangas naquela altura. Fillo dun canteiro pontevedrés de Xeve, na infancia foi instruído nos valores do movemento obreiro.

O seu nome completo era Lorenzo Santiago Vitoriano Corbacho Rodal, oficial canteiro, natural e veciño de Cangas. Foi un dos creadores da sociedade Alianza Mariñeira de Cangas, da que foi o seu primeiro presidente.

En 1915, con 23 anos, préndeno e acúsano de poñeren unhas bombas en Marín. Participa activamente na folga xeral de 1917 sendo detido e procesado, xunto con Xoán Xosé Barreiro no buque de Guerra Río de la Plata. Foi detido e xulgado en Consello de Guerra. Afiliado á Agrupación Socialista , foi concelleiro en Cangas.

Viviu en amor libre, como se dicía daquela, con Concepción Iglesias Portela, e tiveron dous fillos, Xulia e Paulo. Cando a ditadura de Primo, opta pola voda civil (a primeira que se celebrou en Cangas da que temos noticia), relatada en Solidaridad. Foron padriños da voda o mestre Angel Mato Peña e Manuel Rodal Martínez (Baldomero).

Nos anos 1017 a 1920 prodúcese, co esforzo das sociedades obreiras, a democratización do concello de Cangas, que pasa dun réxime de caciquismo ao control máis democrático do movemento obreiro. Posiblemente Corbacho fora o candidato a alcalde proposto pola Alianza, pero unha manobra caciquil, valéndose de expedientes xudiciais máis ca dubidosos, inhabilitouno para concelleiro e polo tanto non puido ser o candidato. Entón a Alianza propuxo a Xosé Pereira Laxe.

Viviu un tempo en Moaña (1921 - 1924) onde funda outra sociedade de resistencia co mesmo nome de Alianza Mariñeira, da que foi presidente un par de anos. Animou a candidatura obreirista ó Concello de 1922, que triunfou. Mobiliza ao sindicato para facer prosperar nun pleno a creación dunha escola. Foi desterrado a Marín, preso e condenado varias veces polas súas convicións e actividades democráticas. Pouco despois a Ditadura de Primo de Rivera clausura a Alianza Mariñeira de Moaña e detén ós seus dilixentes, hipocritamente acusados de irregularidades nas contas. No 1923 é membro fundador da Agrupación Socialista de Moaña e, ao ano seguinte, intégrase na Agrupación Socialista de Cangas, con José Rodal Lanzós, Aniceto Franco, Manuel Nores Sotelo, Antonio Varela (Morros), Ángel Mato e outros.

É elixido presidente da Federación Local de Obreiros Marítimos de Vigo, que se constitúe con varios sindicatos do porto. Colabora no periódico Solidaridad de Vigo, como antes colaborara co Nueva Aurora de Pontevedra. Continúa a súa actividade sindical. Forma e preside o sindicato de traballadoras de Vigo. En 1926 compra unha traiñeira a motor, que vende ós dous anos e pon un bodegón. Coa caída da Ditadura de Primo de Rivera, Lorenzo Corbacho reincorpórase como Concelleiro.

No 1924 regresou a Cangas, onde foi secretario da Agrupación Socialista e do Sindicato da Edificación. Nas eleccións municipais de abril de 1931 forma candidatura nas filas de Alianza Mariñeira coa convención republicana -socialista. O triunfo destes nas eleccións municipais do 12 de abril de 1931 tirou a monarquía e o 14 de abril proclamábase, con gran entusiasmo popular, a II República Española.

Lorenzo Corbacho e Pancho Eiroa foron os encargados de traer a bandeira republicana a Cangas no barco de pasaxe Alegría. Canteiro como era, coa chegada da II República picou a coroa monárquica da fonte do Cabalo, obra de Cerviño. Corbacho foi concelleiro socialista no período 1930 - 1936.