Outra vaca no millo debe o seu nome ao feito de ser "un grupo máis a chupar do bote do negocio da música", conta Nico Martínez, un dos seus integrantes. Estes seis rapaces do Hío serán os encargados de inaugurar esta noite o Festival Intercéltico de Moaña. Para eles é "unha oportunidade moi grande, polo que significa tocar nun festival de tanto prestixio no Morrazo e porque é unha honra compartir cartel con Milladoiro e Treixadura", recoñece Nico Martínez.

A súa andaina musical empezou a mediados do 2011 no garaxe de Lusinda e a primeira vez que se subiron a un escenario foi en Vilaboa, na Festa Brava. Definen o seu estilo como "unha mestura de bases tradicionais con folc americano, blues e rock sureño". Damián Otero, o vocalista, é quen trae as ideas e "despois entre todos as imos moldeando e cada un vai adecuando o seu instrumento á melodía", contan. Explican que "excepto algunha que é un pouco máis seria, son cancións bastante coñeiras" e levan dous anos actuando en locais e festas de toda a zona sur de Galicia .

Presentáronse ao concurso do Intercéltico "para ver se había sorte" e ser seleccionados foi "un alegrón enorme". Este grupo cangués pretende pasalo ben sobre o escenario moañés e que a xente o pase ben con eles, e esperan que este festival sirva de empurrón para darse a coñecer. Nico Martínez asegura que están "moi ilusionados e ensaiando moito para dar a talla".