A viguesa Marta Dacosta é a gañadora da decimosexta edición do Premio Johán Carballeira de poesía co libro "Un lago escuro". O xurado destacou o seu "elaborado xogo simbólico", o seu discurso "fondamente parabólico" e a crítica social que subxace no mesmo. A entrega do premio será o vindeiro domingo, coincidindo coa segunda edición do Certame Poético do Morrazo que se celebrará no Centro Social do Mar de Bueu.

-Como recibe este galardón, xusto cando se celebra o Día das Letras Galegas?

-Foi unha sorpresa porque pensaba que xa fora fallado e xa case me esquecera del. É unha gran alegría porque significa que o libro vai ser publicado e ese é o maior premio que lle poden dar a un autor.

-Creo que a noticia chegoulle xusto antes dun acto con motivo das Letras Galegas.

-A verdade é que me avisaron nun momento un pouco conflictivo (risas). Estaba a piques de presentar un acto sobre Rosalía de Castro e ao final fixen o que puiden porque tiña a cabeza noutro sitio (risas).

-Recibiu con anterioridade premios como o Martín Codax ou o González Garcés. Que significa este Johán Carballeira?

-Nunca te acostumas a recibilos e cada vez que o recibes é como se fose a primeira vez. Neste caso síntome moi honrada porque tamén significa erguer a bandeira do nome de Carballeira, que foi duramente represaliado e merece ser recoñecido e que se lle faga xustiza.

-Xa tivo a oportunidade de ler o ditame do xurado e os seus argumentos para a concesión do premio. Coincide coas súas apreciacións?

-Si. Coincido no sentido de que o poemario quere ser un texto alegórico e ao mesmo tempo circular porque hai unha intención de construcción de libro máis que de poemas. Tiña a vontade de construír un texto que reflexionase ao redor dunha cuestión concreta.

-O xurado fan fincapé no carácter simbólico do texto e na crítica social do mesmo.

-O libro contrúese a través dunha alegoría, que é a do lago: unha superficie que reflicte un ceo transparente, claro e diáfano. Todo positividade. Mais un lago non é simplemente a súa superficie, senón que tamén é o que hai debaixo desa lámina de auga. - aí hai un lago escuro, no que apodrece todo canto tiramos dentro. Este é un libro sobre a contraposición entre o que parece e o que é, contra a mentira ou sobre a mentira. O que tento é reflexionar dunha maneira poética, e polo tanto emocional, sobre a mentira, o engano, a traizón, a hipocresía. En definitiva, que as cousas non son o que parecen e que as veces vivimos unha realidade que é mentira porque é unha apariencia, non o fondo.

-Coincide co que dí sobre vostede mesma na páxina da Asociación de Escritores en Lingua Galega: "Procuro escribir co corazón, co firme propósito de revolverlle o estómago ao que se senta fronte aos meus poemas".

-É unha forma de falar! (risas) O que quero é impactar, conmover ao lector, que se mova da súa cadeira. Non busco unha lectura plácida, senón que o lector teña unha reacción, que se produza algo dentro, xa sexa alegría, ira ou compaixón.

-Celébrase agora o Día das Letras Galegas. Cal é o diagnóstico da lingua e da cultura?

-A cultura no seu conxunto non pasa por un dos seus mellores momentos. Vivimos nunha situación involutiva alarmante e hai que lamentar, incluso denunciar, que en contra do esperable, que é que todos defendamos a nosa lingua e cultura, iso non é así. Temos un goberno que non aposta pola lingua galega e pola cultura. Publicar hoxe na nosa lingua é complexo e isto tamén é resultado dunha política institucional da Consellería de Cultura, que reduce nun sector que tamén aporta moito ao PIB.