Roberto González Pastoriza, segundo consta na biografía da proposta para nomeale fillo predilecto a título póstumo no Concello de Moaña, naceu neste municipio o 26 de febreiro de 1898. Pertence a esa ringleira de xuristas comprometidos con Galicia en todos os niveis. Galeguista e de convicións democráticas, erísexe, según expón o secretario da Irmandade Xurídica, Xosé González Martínez, na proposta, como un nome a reinstaurar na memoria colectiva pola sua relevancia no exercicio profesional e pola firmeza mantida nas ideas durante o periodo da dictadura. O seu pai, José Benito González Portela, secretario do Xulgado de Moaña e home xeneroso que educaba os analfabetos sen cobrarlles un peso, e a súa nai, Dolores Pastoriza, filla dun mestre local, preocupáronse por garantir unha correcta educación, no plano escolar e na instrución de valores.

Logo de adquirir os coñecementos primarios na villa natal, trasladouse a Vigo para estudar no Colexio Cívico-Militar de María Auxiliadora, entre 1912-1915, onde acadou sobresaintes calificacións. No mesmo ano no que se creaban as Irmandades da Fala na Coruña, comeza o curso de Dereito na Universidade de Compostela. Entre os seus compañeiros de facultade está o seu amigo en tantas loitas ao longo da sua vida, Valentín Paz Andrade.

Aos poucos anos de rematar a carreira incorpórase ao bufete vigués de Adolfo Gregorio Espino. Ao acceder éste á Alcaldía de Vigo, no Nadal de 1923 deixa o despacho a cargo de Roberto González. Durante este tempo aumenta o seu prestixio social e recoñecemento público.

O avogado casa coa pianista viguesa María Luisa Sanjurjo, con quen terá dous fillos: Roberto e Margot. A delicada saúde da súa dona (morrería en 1949) obrigouno a dedicarlle máis tempo á familia fronte aos asuntos políticos.

Exerce de letrado externo do Concello de Vigo e da Caixa de Aforros. Colaboraba nos xornais Galicia e El Pueblo Gallego, ás veces baixo o pseudónimo de Gonzal Pastor. En noviembre de 1919 asiste á II Asemblea Nacionalista en Santiago con persoeiros como Ramón Cabanillas, Peña Novo, Lousada Diéguez, Castelao, Vilar Ponte, Xaime Quintanilla... na que se aprobou, entre outras conclusións, o establecemento da "igualdade absoluta política e civil da muller e do home", "Implantación na Universidade de Santiago das Cátedras de Dereito, Historia e Lingua e Literatura galegas", "Pedir ós gobernos español e portugués a libre circulación dos cidadáns de ambos dous países, sen requesito de pasaporte".

No 1930 intégrase no Grupo Autonomista Galego, formación nacionalista liderada por Valentín Paz Andrade. Foi membro da sua directiva e bibliotecario, pero apenas un ano despois dimitiu por discrepancias internas.

Na Segunda República aparece o seu nome na executiva da Agrupación al Servicio de la República, ao carón doutro dos seus grandes amigos, o arquitecto Manuel Gómez Román.

No 1931 coa constitución das primeiras corporacións democráticas, foi nomeado letrado do Concello de Vigo, que exerce ata a sublevación militar de 1936.

Xunto cos outros avogados promove a constitución da Asociación de Avogados de Vigo. González Pastoriza foi un teórico do dereito civil, partidario da elaboración dun corpus legal que recollese o dereito consuetudinario galego no ordenamento xurídico. Coa constitución do Partido Galeguista en 1931, convértense nun galeguista de relevancia social en Vigo. A súa sensibilidade cultural o proba a conferencia de Federico García Lorca en Vigo en 1932 no Comité de Cooperación Intelectual que él presidía.

Desterrado a Verín durante anos

Nos anos republicanos traba unha grande amizade con Castelao. Pastoriza apoia a decisión do Partido Galeguista de se integrar na Frente Popular. O seu nome está entre a delegación galega que entregou en Madrid o Estatuto de Autonomía días antes do alzamento franquista. O avogado foi un dos asesores de Alexandre Bóveda durante a redacción do estatuto galego. Tras o golpe de estado en Vigo, González Pastoriza é detido pero axiña liberado grazas a mediación de Adolfo Gregorio Espino e a posible influencia da súa dona (familiar do xeneral Sanjurjo). Pese a elo, non renunciou a exercer a defensa dos principais cargos políticos da cidade nun consello de guerra sumarísimo que os condenou a morte. Entre eles estaba o alcalde Emilio Martínez Garrido, o histórico socialista Heraclio Botana, o deputado Bilbatúa ou o sindicalista Apolinar Torres.

Sempre mantivo a firmeza dos principios democráticos. É unha hipótese ben asentada presumir a súa presenza na reunión de Coruxo (1943) en que se reconstituiu o Partido Galeguista, ou canto menos, o convite a participar nela. Tanto él como o seu fillo colaboran cos xornais La Noche y Faro de Vigo con artigos de temática xudicial e administrativa. En 1947 hai detencións por mor das xuntanzas da Unión de Intelectuais Libres. Foi xulgado polo tribunal militar "para la represión do comunismo, la masonería y el espionaje". A causa foi sobreseida por falta de probas, pero foi desterrado a Verín, onde residiu anos até retornar a Vigo para montar o seu propio despacho.

Pouco despois, no 1948, foi elexido membro da Real Academia Galega, onde nun xesto de exquisita xenerosidade, quiso renunciar ao posto coidando ser máis xusto na persoa de Eugenio Elices Gasset. Mais, finalmente, entraría na Academia xunto co citado colega. Aplaudiu a aparición dos primeiros libros en galego. Nos 60 promoveu a creación do centro de Estudios Comité de Derecho Marítimo de Vigo, participa en actos promovidos pola Fundación Penzol a que doará parte da sua bilioteca o da Asociación Cultural de Vigo. Na transición, participa na reivindiación do Estatuto de Galicia e en 1978 recibe a Cruz Distinguida da Orden de San Raimundo Peñafort.