Outro exemplo do bo ambiente que se viviu nas localidades morracenses foi a comida celebrada pola Asociación de Xubilados e Pensionistas Santiago Apóstol. Con motivo do seu nome, conmemoraron ao santo cun gran xantar de confraternindade da coral no restaurante Pereiro de O Hío. "Mira canta xente! Da gusto que todos sigan participando e o veñan a celebrar, aínda que falten algunhas persoas que por motivos persoais non puideron vir", confesaba o presidente da asociación, Antonio Mariño.

A xornada comezou xa pasado o medio día cunha misa na excolexiata de Cangas, onde tamén houbo unha actuación por parte da propia coral da asociación. "Cangas sempre foi un pobo no que se cantou. Aínda que as novas xeracións xa vaian perdendo a costume, nós sabemos perfectamente que sempre haberá alguén que cante", confiesa un dos participantes.

Máis tarde, xa pasadas as dúas, saían da estación de autobuses tres autocares cheos. Un total de 165 persoas chegaron a reunirse no gran xantar. "O mellor de todo é que todos formamos parte desta coral que naceu nos anos 80 da man de mariñeiros, por así dicilo. Só tres de nós non cantan", comenta outro dos asistentes.

A comida estivo acompañada dun trío musical formado por dous rapaces e unha rapaza, que ambientaban o xigantesco comedor no que se atopaban todos os membros da asociación. A pesar de que, cando chegou a música, eles aínda se atopaban comendo a ensalada, algún dos pensionistas non dubidou en comezar a animar a festa aplaudindo e movéndose na cadeira.

Todos eles son agora persoas dirixidas por un director de música, pero a mairoía dos participantes xa comezou a cantar nos seus anos novos. Cantaban nas tabernas, nas festas e "ata serenatas nas rúas". Esas serenatas deron lugar a máis dunha anécdota, como algunha relacionada coa Policía. "Unha vez estabamos cantando e nos levaron ao cuartel. E unha vez alí pedíronos que cantáramos para eles! Aínda che son historias", relata un dos máis veteranos da coral.

Con todas estas historias e ben rodeado, a directiva estaba máis que satisfeita coa festa de onte e xa pensa en vindeiras conmemoracións.