Berta Dávila é a gañadora do XV Premio Johán Carballeira de poesía co seu poemario "Raíz da fenda". Aos seus 24 anos esta moza santiaguesa xa gañara con anterioridade o XI premio de Poesía Avelina Valladares con outro libro de poemas, "Dentro", e o Premio Biblos de novela con "Bailarei sobre a túa tumba". A entrega dos premios Johán Carballeira terá lugar o vindeiro sábado 26 de maio no salón de plenos do Concello de Bueu, un acto que se inclúe dentro da programación oficial das Letras Galegas 2012. Ese día xunto a ela estará a xornalista canguesa Marta Lemos Pérez Jorge, gañadora do certame de xornalismo.

–Como recibiu a nova de ser a gañadora da decimoquinta edición deste premio?

–Moi agradecida e encantada por recibir un galardón como o Johán Carballeira e polo feito de que se vaia a publicar o poemario. Cando se remata un texto un sempre ten o desexo de velo publicado e que o premio inclúa a publicación de "Raíz da fenda" é ilusionante.

–O xurado no seu veredito afirma que valorou "a mensaxe, o ton, a boa estruturación e a sensibilidade", amáis de destacar que fose un poemario "limpo de artificio, carente de adobíos innecesarios". Está vostede dacordo?

–O poemario fala sobre a perda e as cousas que me importan. Busquei unha maneira de expresar todas esas perdas e ausencias prescindindo de efectismo e depurando moito os textos, quería deixalos no óso da cereixa e quitar o todo o que sobra. O que quería era expresar a dureza da perda dunha maneira totalmente crúa. Se o conseguín ou non xa é outra cousa, pero si que cando menos é o que eu buscaba.

–Quizais non sería posible expresalas doutra maneira.

–Para min este e un poemario importante polo seu contido, polo que tentei facer e polo tempo de traballo que ten, que é bastante. Tentaba falar das cousas que para min eran importantes e da maneira que para min era natural expresalas. Decateime que non podía facelo doutro xeito, se quería buscar o cerne ou a raíz non podía rodealo de artificios.

–Da a sensación de que hai cousas persoais e experiencias autobiográficas.

–Un cando escribe fala das cousas que lle afectan e por iso todos os textos falan de como un ve o mundo. Si que hai algúns poemas que poden ter un certo compoñente autobiográfico, pero é unha visión poética de temas que nos afectan a todos e poden ser autobiográficos de calquera persoa.

–Como foi o proceso de xestación e maduración?

–Comecei a escribir os primeiros textos despois publicar "Corpo baleiro", en 2007, e fun madurando unha serie de ideas. pero chegou un momento en que quedou estancado e decidín traballar noutras cousas relacioanadas en parte. Hai dous anos retomeino máis en serio e vin que determinadas liñas de poesía que eu estaba escribindo tiñan en común que trataban a perda, a ausencia, a derrota e o abandono. Dinme conta que todos eses poemas eran o mesmo libro e comecei a traballar sobre os textos e na estrutura do poemario. É un libro que consta de 93 poemas e que está dividido en cinco partes, cada unha delas cun núcleo temático como o loito, a perda, o amor ou a palabra.

–Ten só 24 anos e xa ten dous libros de poesía publicados, ao que hai que sumar este "Raíz da fenda", dúas novelas e premios en poesía como en narrativa.

–Ter 24 anos, recibir estes premios e que agora se vai publicar un novo poemario é todo un luxo, é unha pasada. Non podo estar máis que moi agradecida e contenta.

-Combina poesía e narrativa. Á hora de escribir sinte predilección por algún dos dous xéneros ou a elección depende do que quere contar?

–Comecei escribindo poesía xa durante a adolescencia e é onde me sinto máis cómoda. O que ocorre é que a narrativa é moi divertida. Son dúas cousas totalmente diferentes e ás veces un tamén necesita contar unha historia ou botar fóra algo que queres contar e que coa poesía non podes. No plano poético sinto que nestes intres con "Raíz da fenda" péchase un ciclo que se abriu coa publicación de "Corpo baleiro" e que abrangue cinco anos.