Quixo a casualidade que o Correlingua chegara a comarca a mesma semana na que se celebra o Día das Letras Galegas. Moaña acolleu a terceira edición deste evento no que os escolares de toda a comunidade saen a rúa na defensa da lingua propia de Galicia. En total uns 1.800 estudantes de Infantil, Primaria e incluso dos primeiros cursos de Secundaria representaron a unha veintena de centros de ensino de Bueu, Cangas, Marín e Moaña polas rúas máis céntricas da vila. Saíron ás 11.15 horas dende o entorno das pistas de atletismo da Xunqueira e percorreron o centro, obrigando a algún corte de tráfico e portando pancartas con lemas en defensa do uso cotiá do galego. A meta estaba no entorno do palco da música, onde os pequenos bailaron ao ritmo que impoñía o grupo Pesdelán.

Mentres facían o traxecto os alumnos de infantil agardaron no punto de encontro participando en varios obradoiros. Pintaron murais na parte alta da praza e ensaiaron os bailes.

Unha boa parte dos nenos, que foron saudados polos veciños que paseaban polo centro de Moaña, lucían nas súas camisolas palabras en galego. Destacaron os do CEIP O Hío, que foron acompañados dun grupo de gaiteiros que amenizou a andaina.

Antes do concerto musical deuse lectura a un manifesto para exaltar un idioma que se convirte "na chave coa que abrirnos ao mundo".

Dende o palco recordouse o drástico descenso de falantes do idioma propio que reflicten todas as estatísticas nos últimos anos e apelouse a que sexa no Morrazo onde se revirta a situación. Apelando a sentir "orgullo do noso idioma" e apostando por empregar a lingua de Rosalía en todas as ordes da vida con exemplos de anuncios ficticios, tanto os nenos coma os maiores que se achegaron a presenciar o evento nos arredores da praza de abastos aplaudiron o pregón. "A Galicia non a representa unha catedral, unha torre ou unha muralla, senón o idioma" concluiron.

Ata as 13.15 horas os pequenos non só bailaron, senón que aproveitaron para facer novos amigos nunha mañá na que puideron relacionarse con alumnos doutros colexios.

Festival das Letras

A Asociación de Mulleres de Moaña celebra mañá, a partires das 22.00 horas no IES As Barxas, o Festival das Letras Galegas. A mestra Elisa de la Peña presentará o acto. Actúan os grupos de pandereteiras do colectivo –Lumieira e Ardora– e o Coro Chorima. Haberá baile galego, teatro, música e tocará o gaitiero Iván Costas. A entrada custa tres euros.