08 de febrero de 2012
08.02.2012

Rescatar ao gaiteiro verde

O mestre Xavier Blanco percorre a historia dos instrumentos galegos este sábado no centro Rosalía de Castro de Domaio, na presentación dun proxecto ideado por Diego Riobó

08.02.2012 | 09:48
Blanco con DIego Riobó, en setembro de 2009, xunto a moitos dos instrumentos reproducidos. // G.N.

O Centro Cultural Rosalía de Castro, de Domaio, acollerá este sábado a partires das 18.00 horas a presentación do traballo "O Gaiteiro Verde", un libro acompañado dunha interpretación musical na que o mestre gaitero, Xavier Blanco, explica a evolución da música tradicional partindo dos instrumentos confeccionados directamente con elementos extraidos da natureza. O proxecto foi idea do exedil Diego Riobó, falecido en setembro. A actuación desta fin de semana servirá como un recoñecemento ao seu traballo a prol da dignificación da música tradicional así como da súa implicación na vida cultural moañesa.

Dar a coñecer o termo "gaiteiro verde", empregado todavía polos máis maiores e, á vez, lembrar a figura do exedil falecido Diego Riobó na súa parroquia natal e xusto unha semana antes de que comece o entroido moañés –que pasaba por ser a súa festa favorita– son os obxectivos que o mestre gaiteiro Xavier Blanco espera lograr este sábado. Presentará un traballo que consiste nun libro no que analiza a evolución dos instrumentos e da música tradicional galega, e máis concretamente dos instrumentos desenvolvidos en Moaña. Esta obra se acompaña dunha interpretación musical de unha hora e media a través da cal Blanco dará a coñecer esta evolución e os asistentes comprobarán como os primeiros instrumentos empregados polos gaiteiros estaban elaborados a partires de materiais que se atopan virxes na natureza. A estes músicos que agudizaban o enxeño ante a carencia de recursos se lles coñecía como "gaiteiros verdes", moito antes de que este adxectivo se convertera nunha palabra de moda para definir un estilo de vida saudable.
Na actuación, que será o sábado ás 18.00 horas no Centro Cultural Rosalía de Castro –pasará por ser o primeiro acto público dende que rematou a remodelación do inmoble– o mestre gaiteiro fará sonar un bo número dos 600 instrumentos naturais que reproduciu ao longo da súa vida. Xa ten uns 1.100 catalogados. Desde instrumentos pobres, que consistían en elementos de traballo ou da vida cotiá como legóns, vasoiras ou angazos ata a xoia da corona da tradición musical moañesa, a coñecida como gaita de cana, Blanco explicará a evolución pola que pasaron os gaiteiros ata chegar á fase de formación permanente, na que amplían os seus coñecementos para acadar unha especialización botando man de instrumentos manufacturados como a gaita común, o tambor ou a pandeireta.
O libro, titulado precisamente O Gaiteiro Verde, poderá ser adquirido por tódalas persoas que o desexen. O proxecto partiu dunha iniciativa do exedil Diego Riobó, falecido no mes de setembro. Consistía nunha colección de exemplares que debía incluir tamén información sobre os principais eventos relacionados coa música popular en Moaña, coma o propio entroido ou a xa desaparecida Feira de Abelendo. Tralo pasamento de Riobó, Xavier Blanco, que foi o seu mestre de gaita durante 20 anos, continuou a este primero exemplar, para o cal o extitular de Cultura xa tiña escrito un emotivo prólogo. A presentación deste sábado servirá como a mellor das homenaxes para Diego Riobó, lembrando tamén a súa implicación na vida cultural moañesa. "Riobó traballou moito para dignificar á figura do gaiteiro. Axudou moito centralizando a Escola de Música Tradicional en Quintela. Antes tiña que gardar os instrumentos en maletíns", lembra Xavier Blanco. O libro conclúe cun pequeno poema en recordo do exconcelleiro.
Incidindo no afán de catalogar a historia da música local, Blanco insiste en que a finalidade principal da obra é fixar unha terminoloxía que estaba a cair en desuso. A representación do sábado se repetirá, case con toda probabilidade, por distintos puntos do país.
"Levo moitos anos traballando nisto. tratábase de darlle forma a toda a documentación e iso foi o que estaba a facer conxuntamente con Diego", apunta o mestre gaiteiro. É posible que nuns anos as novas xeracións volten a calificar a aquelas persoas que tiran da natureza para facer música como gaiteiros verdes. Trátase dunha figura que no libro se define como un músico "vivo, formándose, en evolución, con ganas, motivación, paixón e alma. Un músico autosuficiente, realizado en harmonía co medio rural e medioambiental, escenario perfecto para a súa recreación musical". O autor do libro lembra que non pasaron tantos anos dende que se confeccionaban instrumentos arcaicos empregando follas, pallas, canas ou cabazas.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
selectividad 2018 Galicia

Toda la información sobre la selectividad

Consulta aquí toda la información sobre las pruebas de acceso a la Universidad: notas de corte, resultados y noticias