O xurado da XIV edición do Premio de Poesía Johán Carballeira de Bueu, constituído polos escritores Lucía Novas, Antón Lopo e Olalla Cociña, acordou distinguir a Carlos Solla polo seu traballo “Koyi Kabuto. Lume de ollos en MazinGZ”. A resolución xustifícase pola “aposta por crear un mundo propio a partir de elementos da cultura popular contemporánea (desde o anime á televisión, pasando por internet e os petroglifos de Mogor). Cuestións de actualidade (a celulosa de Pontevedra, a ampliación da ponte de Rande, o tren de proximidade) vehiculízanse nunha poesía enxeñosa e lúdica, descarada, con sabor a licor café e algo de resaca”.

- ¿Que supón para vostede este galardón?

- A primeira sensación é de ledicia e agradecemento cara os membros do xurado. Din que o pasaron moi ben lendo o poemario e iso me congratula. É unha obra moi galega, de lectura áxil e que propicia o sorriso e a amargura.

- ¿Por que esa mezcla de sorriso e amargura?

- Porque é unha boa combinación. É un dos ingredientes básicos da retranca, unha das poucas armas dos pobres, un arma incruenta e moi eficaz, que alivio o noso espíritu.

- ¿Era a primeira vez que se presentaba ó Johán Carballeira?

- A verdade é que non sabía que me tiña presentado. De feito foi unha sorpresa total e a felicidade é dobre por iso. Alguén presentou o traballo por min [reférese a Mónica, a súa parella].

- O título é todo un referente para a xeneración que creceu con Mazinger Z...

- Eu tamén son fan. Seica avellentou mal porque a ciencia avanza unha barbaridade e reproducir capítulios en Youtube non deixa de ser nostálxico.

- ¿E por qué botar man de Koyi Kabuto e de Mazinger?

- Precisaba dun superheroe que nos redimise no momento decaído que vivimos os que defendemos a nosa lingua e cultura. Pedín axuda a un superheroe. E MazingerGZ é o protagonista principal da historia, a resposta para que non baixemos a garda en defensa da nosa identidade.- Combina a poesía coa labor de investigación do patrimonio cultural galego.

- A través da colección Cercedo in the Voyager permitíronme publicar as miñas investigacións sobre o patrimonio material e inmaterial de Cerdedo, da miña obsesión, a montaña máxica de Seixo, e a poesía o permíteme desengraxar un pouco.

- ¿E cal lle outorga maiores satisfaccións?

- Son moi diferentes. A recolleira do patrimonio implica estar no lugar dos feitos e contactar cos sabios da tribu e é algo que non abandonarei ata que as forzas me deixen. A labor poética require introversión e certo exhibicionismo.