Beben nas fontes máis tradicionais porque nelas foi onde naceu a verdadeira música. Fiandola regresa ao formato de disco, porque dos escenarios aínda non se baixaron desde 1996, ano no que se formaron, cun novo traballo no que só o título xa evoca sorpresa e emoción, especialmente nas Rías Baixas, de onde son a maior parte dos seus componentes. "Mimá" estará listo antes de que remate o ano e atrás van quedar moitos meses de duro traballo nos que Alberto Barreiro "Warren", Cristina, Fran, Santi, Manolo e Sandro (todos de Moaña e Cangas, agás Cristina e Fran) recopilaron e adaptaron varias pezas tradicionais. Todas elas de transmisión oral, pero que contan co estilo propio de Fiandola, incluindo novas harmonías, novas voces e outras sorpresas.

Así o destaca "Warren", nado en Moaña, residente en Betanzos e profesor de música da Asociación Cultural e Deportiva Dorna da Illa de Arousa dende hai anos. "O obxectivo de todos os temas, ao igual que no primeiro disco que temos, é conseguir un son propio, unha estética nova e persoal, algo que cremos que acadamos", asegura o acordeonista e voz do grupo.

Neste traballo non estiveron sós. Nel colaboraron o violinista Xacobe Lamas, unha minibanda formada por trombón, saxos, trompetas, tuba e clarinete, e o fotógrafo Juanba. Os doce temas parten dun intenso traballo de campo que tiveron que desenvolver os músicos de Fiandola antes de comezar a traballar no estudo, especialmente Warren e Manolo, que tiveron que sacar tempo ás súas familias para poder facer a compilación. Hai tres temas que son de composición: "Parabí Papipó", que é unha rumba que compuxo Serxio Cobos -acordeonista e compositor de Compostela-; "Ghoxada", que foi composta por Fran López, membro do grupo; e "A Amora", un traballo de Warren composto para os nenos dunha campaña de dinamización lingüística que desenvolveu a editorial Kalandraka en Allariz, onde se tomou un conto acumulativo publicado pola editorial.

Dentro das pezas tradicionais é especial "Rosas Negras", xa que se trata dun arranxo que fixo o grupo dunha melodía tradicional recollida na Illa de Ons; a melodía é un tango que eles mesmos adaptaron e ao que despois se lle puxo como letra unha adaptación do poema de Rosalía de Castro "Castellanos de Castilla". "Pensamos que a melodía do tango nos podía achegar quizáis mellor á outra Rosalía, a menos coñecida, e non á saudosa de "Adeus ríos adeus fontes", senón á loitadora e reivindicativa", argumentan desde o grupo. Tamén son especiais outras cancións como "O Turito" e a "Danza de Xastre" xa que son pezas rescatadas de partituras orixinais do arquivo de Betanzos, sito no museo das Mariñas.

Todo este traballo de adaptación das melodías e das cancións levou máis dun ano, que culminou coa gravación nun mes do disco nas dependencias dos estudios Edisco, con Fernando Campos como técnico de son.

Despois de todo este traballo chegou o momento de producilo e "autofinancialo". O primeiro disco de Fiandola "Bricania" foi un traballo editado no 2005 e que tivo un éxito considerable xa que conseguiron vender máis de mil copias, unha cifra elevada para un grupo destas características, e ten un bo número de visitas na páxina web. Unha vez presentado o disco, o obxectivo é comezar a traballar para o seguinte.