O presidente dos Estados Unidos de América visitará este sábado Cangas. Non será Barack Obama, pero este presidente de ficción aprópiase do seu famoso eslogan de "Yes, we can" [ si, podemos]. En realidade trátase da última montaxe da compañía teatral Xerpo Cultural e é unha revisión do "Macbeth" de William Shakespeare. O título da obra é "Mac... Yes, we can" e poderase ver este sábado a partir das 21.00 horas no Auditorio municipal cangués.

O argumento de base é moi sinxelo: un político de base vai ver como de repente convértese en aspirante á presidencia dos Estados Unidos, a ocupar o famoso despacho oval da Casa Branca. Como é posible iso? En parte grazas á unha gran ambición e en parte á axuda e conspiración dos seus asesores. Nesa carreira para acadar o poder deberá adoptar algunhas decisións e cometer algúns actos que o han de atormentar. Todo un novo ambiente hipócrita, colorista, cheo de crimes, traizóns, asasinatos e cun único obxectivo: acadar o poder.

Deste xeito a compañía logra trasladar a un equivalente de Macbeth ata pleno século XXI. "Dende os reinados clásicos á política moderna, dende as espadas ás pistolas, dende a tolemia á esquizofrenia", aseguran. Con esta revisión o texto orixinal gaña en actualidade, cercanía ao público, dinamismo e tensión.

Esta adaptación do clásico de Shakespeare está dirixida por Irene Moreira e conta cun amplo elenco de actores para dar vida a este ambicioso político e ao seu nutrido grupo de asesores: Alex Sobrino, Keka Losada, Nani Matos, Xosé Eirín, Simón Iglesias, Luís Vivanco, Lucía Sánchez e Soraya Paradela.

A representación desta obra forma parte da programación cultural do Auditorio cangués para o último trimestre do ano e a entrada ten un custe de 5 euros.