O curso escolar xa comezou hai unhas semanas e neste tempo comeza tamén outro curso quizais un pouco máis divertido: A nova oferta de ocio do Club Golfiños, en Bueu. Esta asociación sen ánimo de lucro foi fundada hai xa doce anos por una serie de pais e nais do municipio para tentar que os máis nenos contasen con un espazo e un lugar onde "convivir, xogar, facer amizades, vivir aventuras..."

A programación do curso 2010/11 xa está perfilada é unha das primeiras actividades será este mesmo sábado, cunha excursión a Nerga. Logo virá o magosto, a festa do Samaín, o cumpreanos do clube, a festa do "Avó Manolo", unha competición fotográfica e o programa de Nadal. As actividades continuarán ata o verán coa confección do Paxaro do Mal Agoiro para o Entroido de Bueu, unha oferta especial para a Semana Santa ou coa participación no Corpus Christi coa elaboración dunha alfombra.

Golfiños conta cunha sede permanente, sita no número 42-soto da rúa Ramón Bares. Este espazo funciona como unha verdadeira ludoteca e conta con biblioteca, xogos de mesa, billar, futbolín, tenis de mesa, máquina de aire, dardos, videoconsolas, xogos de ordenador, taller de cociña. Ademais tamén sirve para a celebración de festas de cumpreanos e os venres a partir das 20.00 horas hai sesións de cine. Precisamente os pais e nais aproveitaron o pasado mes de setembro para redecorar e darlle "un novo aire" as instalacións do clube.

A oferta de ocio de Golfiños vai dirixida a nenos e nenas de entre 4 e 16 anos, co que nas súas actividades conviven rapaces de idades diversas e que así aprenden a ser tolerantes e a axudarse os uns aos outros. O clube ten aberto o prazo para facerse socio, cun prezo de só cinco euros ao mes, e os interesados poden chamar ao número de teléfono 620 130870. Tamén se pode acudir a coñecer as instalacións e os responsables indican que o mellor día para iso é o xoves de 16.30 a 19.00 horas.