En tempos nos que o ocio e a vida cultural semellan cada vez máis individualizada, o sindicato CUT escolleu a carballeira de San Amaro, na parroquia de Aldán, para recuperar as antigas festas proletarias. Así, unhas 300 persoas déronse cita ao longo de toda a xornada no Primeiro Festival da Cultura Proletaria, un evento cuxos organizadores pretenden converter nun referente anual, aínda que sexa cambiando as datas para que non coincida co maratón de actos culturais que salpican Galicia durante os meses de verán.

Os ritmos máis tradicionais foron os donos do mediodía, coa actuación de José Fernández, "O Ghaiteiro do Pinheiro", ao que se sumaron varios asistentes. A gaita de Luis O Caruncho tamén fixo as delicias dos presentes.

O xantar estaba preparado para todo tipo de gustos, pois non faltaban no menú a paella, as navallas, as ameixas e incluso a carne. As conversas de sobremesa deron lugar a un recital poético onde os participantes fixeron gala do seu compromiso co país e coa clase traballadora. Antes de que comezasen os concertos de tarde, os pequenos participaron en distintos xogos populares, aínda que o campo de tiro á chave era o máis solicitado por pais e fillos.

O relax deu lugar a músicas de todos os estilos, dende os sempre comprometidos Mini e Mero, ata o cantautor de taberna Manolo Bacallao non foron poucos os que se animaron a entoar unha peza.

O conxunto cangués Balea´s Blues Quitet puxero un toque de música afroamericana antes de que o ritmo subira co grupo de rock Ataque Escampe. Os composteláns repasaron algún dos seus temas máis coñecidos entre a xente xoven.

Xa ben entrada a noite, o Festival da Cultura Proletaria desfíxose en risos ao son eléctrico do cantautor punk e showman O Leo i Arremecághona.