07 de agosto de 2010
07.08.2010

Polas rías nun Curragh irlandés

Un grupo de turistas chega a Moaña tras percorrer as rías en dúas pequenas embarcacións tradicionais

07.08.2010 | 02:56
Os irlandeses levan unha semana e media percorrendo as rías. // C.G.

Este mediodía, dentro da programación da Semana do Mar, Moaña acolle a VII Xuntanza de Embarcacións Tradicionais, un evento organizado pola Asociación Sueste e que cada ano permite aos moañeses ver, dende o peirao da Mosqueira, a decenas de barcos orixinais das rías galegas e doutros lugares costeiros. Iso si, nesta ocasión a cita estará marcada pola participación dun grupo de 11 irlandeses que onte chegaron a Moaña con dúas embarcacións tradicionais deste país que se empregaron ata fai uns tres séculos. Trátase duns Curragh, uns pequenos botes que no seu comezo se facían de coiro de vaca, aínda que a deles está fabricada cunha lona de algodón.
Pat Ruane, que exerce de portavoz do grupo, explica –sorprendentemente en correcto galego– que levan unha semana e media percorrendo as Rías Baixas con estas embarcacións de 8 metros de eslora pero tan lixeiras que cun pouco de vento xa poden envorcar. Isto fixo que o traxecto entre cada unha das rías o fixeran en furgoneta, pois o mar aberto non é nada aconsellable cando se viaxa nun Curragh. "Chegamos a Muros para percorrer esa ría. Ali botamos 5 días. despois estivemos 3 días máis na ría de Arousa e agora viñemos a Moaña para participar no encontro. Queremos navegar ata o domingo pola ría de Vigo", indica. Todos eles, integrantes da asociación de embarcacións tradicionais co nome gaélico de "Nomhoga Chorchaí", son naturais da cidade de Cork e levaban dous anos planificando esta viaxe. Ruane recoñece que agardan ter tempo para ir ata as Illas Cíes, "aínda que para iso non pode soprar case nada de vento, explica.
Sobre a función que tiña o Curragh na vida cotidiana dos cidadáns irlandeses, o voceiro salienta que "se trata de barcos orixinais da costa leste de Irlanda que se empregaba para a pesca de cabala ou lagostinos. Pero tamén a empregaban os gandeiros para trasladar animais dunha zona a outra".
Ata o de agora, os membros desta asociación só estiveran dúas veces en Galicia. Fai máis de dez anos na Coruña e hai tres anos participaron nun encontro que se celebrou na ría de Ferrol, pero nesta ocasión non están tendo tregua. Pois varios deles tocan instrumentos tradicionais irlandeses, e isto xa lles permitiu pasar algunha que outra noite de festa con acompañamento musical.
Pat Ruane asegura que o que máis lle impresionou desta zona da península, e sen dúbida o mellor recordo que levarán para Cork, é a gastronomía, aínda que non evita ser políticamente correcto e aludir á "cultura e hospitalidade da xente" como outra das sorpresas agradables que se atopou. Nestes intres non teñen prevista outra viaxe, únicamente participar nunha regata de barcos tradicionais a remo que se disputa en Londres.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook