24 de julio de 2010
24.07.2010

O himno dos versos libres

Ana Acuña e Penélope Pedreira presentan "Pan prós crocodilos"de Calros Solla

24.07.2010 | 02:49
Calros Solla cos Chichisos durante o recital en Salason . // Gonzalo Núñez

A poesía volveu exercer a súa función de denuncia social onte en Salason. O cangués, Calros Solla presentou a súa nova coleción de poemas na compaña da charanga Os Chichisos nun espectáculo que combinou a música tradicional cos versos do poeta. No recital puido escoitarse a letra proposta polo autor para o Himno do Antigo Reino de Galicia y non faltou a crítica á situación lingüística que padece a lingua galega.

"Cada galego que nace sen lingua/ agoira gran fame na terra". Así, introduce o poeta cangués, Calros Solla os poemas sobre a lingua galega en "Pan prós crocodilos", o seu novo poemario. A situación da lingua non é a súa única preocupación, tamén lle preocupan as inxustizas sociais e culturais. Solla explica que "os escritores, a xente da cultura e o pobo en xeral debemos erguer a voz para que non atenten contra a nosa cultura".
O recital que ofreceu mestura os seus versos –de denuncia– cos ritmos tradicionais da agrupación musical, da que formou parte: Os Chichisos. Elles mesmos se denominan "unha plataforma reivindicativa, un grupo de amigos que se xunta para tocar e facer festa". Con estas referencias, era de esperar que o recital de poesía que durou pouco máis dunha hora, terminara en actuación da charanga en Salason.
Antes do espectáculo, a responsable da colección de poesía da editorial Barbantesa, Penélope Pedreira e a douctora en Filoloxía Galega, Ana Acuña, presentaron a compilación de Solla. Durante a intervención, os músicos tocaron a marcha do Himno do Antigo Reino de Galicia, para o cal o cangués propuso unha letra. Titúlase "Fronte ao mar" e di así:
"Fronte ao mar/ reverdece o eido de meus pais. /Fronte ao mar, / a vizosa herdade do meu lar.
Ergue o sol/ a mornura dun nidio alborexar./ Ouve o son/ do vento que zoa no cordal,/ a rexa voz/ dos que non adiarán o camiñar.
A Terra fía en min a doa dun cantar,/ semente para o mañá./ Foxen as sombras do val./ Benia o noso pobo/ que non calará."
Calros Solla califica a súa idea como "unha ousadía", aínda que tivo boa acollida entre o público. Na anterior –e primeira– presentación do espectáculo hhi un mes na Galería de Sargadelos os asistentes tamén se entusiasmaron e foi un dos bises. Según o autor, "a melodía do himno paréceme fermosísima e fixen unha letriña sinxela que xurdiu cando tocaba cos Chichisos".
Con versos ecolóxicos, antibelicistas, que protestan contra as inxusticias sociais, o reparto desigual, a crise e a fame Solla conseguiu que a audiencia reflexionase sobre as súas palabras. Éstas sumadas á tradición musical galega, de man de Os Chichisos, convertiron o Salason no lugar idóneo para quen buscara tomar conciencia da "necesidade da poesía de voltar á loita social", como apunta Carlos Solla.
O cangués manifestou a súa intención de seguir presentando o seu recital e animou ós asistentes a "lembrarlle ós valedores da nosa cultura que non podemos permitirlles que xoguen con ela".

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
FaroEduca