A estas alturas ninguén pon en dúbida que o cantante e compositor moañés Xil Ríos é toda unha lenda viva na música galega. Dende que en 1972 saíse á luz pública o tema "Nosa Galicia", pasaron case catro décadas nas que Xil Ríos se atreveu con todo tipo de rexistros, dende música comprometida acorde coa xeración de cantautores Voces Ceibes, da que é contemporánea, ata música lixeira, con cancións desas que gusta escoitar na radio nun día de verán e que contribuíron a que varias xeracións abandonasen o estigma dun idioma que só semellaba válido para o folclore ou para a chamada música comprometida. Agora, seis anos despois do seu último disco orixinal, os seus fans están de noraboa, pois mañá, martes 6 de abril, sairá ao mercado o seu último traballo "O Son da Alma".

O disco está ideado para aportarlle ao galegos un punto de ledicia, "nestes tempos de tristura que atravesamos", definen dende a distribuidora PAI Música. "O Son da Alma" é xa o 27º traballo discográfico do moañés, unha cifra case récord nestes tempos e que agocha unha grande capacidade de traballo e un xenio creador que nunca deixa de sorprender ao público. "Este novo álbum sempre estivo na mente do artista, dende neno, cando se sentaba no palco diante das orquestras e alucinaba con eses ritmos caribeños que por aquel entón eran novos en Galicia", continúan dicindo dende o selo que se encarga de editar e distribuír o disco.

A instrumentación de "O Son da Alma" é sinxela, pero ideal para sacar un disco potente, que mestura toda a forza dos sons cubanos e toda a retranca e picaresca galegas.

Xil Ríos é o propio productor do disco e cumpriu o seu desexo de aparecer cunha imaxe renovada, facendo un cambio na súa música, algo que lle enchese e que supón unha aposta por unhas cancións máis acústicas e naturais. Representa o son que o compositor levou sempre dentro, dende ben cativo. De ahí o nome do disco, "pois se trata do son da súa alma, das nosas músicas e da nosa terra galega" describen dende PAI Música.

Xil Ríos está máis de actualidade que nunca, pois ao igual que ocorre con outros grandes cantantes galegos, como Andrés do Barro, as versións dos seus temas feitas por grupos actuais dos máis diversos estilos proliferan por doquier, dando a coñecer ás xeracións máis novas a traxectoria do moañés.