04 de abril de 2010
04.04.2010
Borja Antela - Profesor de Historia Antiga na Universitat Autónoma de Barcelona

"As ostras e as lampreas de Galicia eran un manxar para as clases altas de Roma"

Especialista no mundo grego, este moañés ven de publicar un ensaio sobre a pesca na Gallaecia romana

04.04.2010 | 08:30
Borja Antela (Tirán, 1977) pasa por ser un dos cinco únicos especialistas no período helenístico da antiga Grecia que existen en España. É profesor na Universitat Autònoma de Barcelona (UAB) e acaba de publicar un texto divulgativo sobre a historia da pesca durante a administración romana da antiga Gallaecia.

Afincado xa en Barcelona, Borja Antela regresa a súa Moaña natal nalgúns períodos de vacacións como é o caso desta Semana Santa. Esta volta ás súas orixes lle serviu tamén para pechar a publicación dun pequeno libro titulado "A pesca na Gallaecia romana" (ed. Toxosoutos) no que explica a importancia que os recursos pesqueiros xa tiñan para os habitantes das rías na historia antiga.

–Vostede é especialista en historia do mungo grego, que é o que o leva a escribir sobre a Gallaecia romana?

–Un factor importante son as orixes, é algo que me toca máis de cerca. Pero en realidade este libro é un capítulo dun proxecto colectivo que fixemos varios investigadores xusto despois da catástrofe do Prestige. Entón pensabamos que a pesca de Galicia ou morrera ou ía cambiar totalmente. Así que dun modo reivindicativo nos propuxemos escribir un texto divulgativo sobre a historia da nosa pesca, cada un se encargaba dun periodo histórico. Pero no momento houbo moitos problemas para que algunha editorial o publicase e agora decidín recuperar a parte da miña autoría.

–A xente da costa galega xa dependía da pesca de forma tan intensa como en tempos máis recentes?

–Evidentemente non había mecanización nin pesca intensiva, como hai agora. Ata a chegada dos romanos a pesca era únicamente de subsistencia, aínda que hai constancia da existencia de pequenas embarcacións de baixura. O que está claro é que os nosos devanceiros eran uns devoradores de marisco porque en todos os castros se atopan depósitos de cunchas dun tamaño considerable. Incluso se advirte un certo intercambio de productos, pois en castros do interior tamén se atopan restos de moluscos.

–Entón foi coa chegada do Imperio Romano cando se empezou a pescar con fins comercializadores?

–Está claro que foron eles os que viron as posibilidades económicas da pesca. Construiron salazóns para conservar o peixe e poder vendelo noutras provincias. Ademais xa contabamos coa infraestructura comercial do Imperio, que permitía conectar puntos lonxanos. En realidade hai moi poucas fontes sobre este eido, porque a arqueoloxía en Galicia aínda lle queda moito camiño por percorrer. O que sabemos é que algúns productos como as lampreas ou as ostras eran moi apreciados en Roma e considerábanse platos exquisitos, ata o punto de que se pagaban moitos cartos por levar as lampreas vivas ata a propia capital do Imperio para as clases pudientes.

–Pero os gregos, civilización na que vostede é experto, nunca chegaron as rías galegas, non?

–Está case rexeitada a hipótese de que chegasen aquí, aínda que sempre houbo a lenda de que as illas Casitérides que aparecen en moitos textos gregos eran en realidade as Cíes. Pero non está demostrado e non hai xacementos que testemuñen unha presenza grega nestas costas do Atlántico. Si que se atopou cerámica grega nas costas portuguesas, pero seguramente viña de Cádiz e tratábase dunha ruta comercial, non as traían directamente dende Grecia.

–E por que se especializou na historia antiga de Grecia?

–Sempre me interesou moito o período helenístico (entre o 323 a.c. e o 31 a.c.) porque moitos dos seus problemas se repiten no presente, e creo que a historia debe servir para resolver ou, polo menos, entender mellor o presente. Só somos catro ou cinco especialistas deste período en toda España, o que sen dúbida me axudou para obter a praza de profesor na UAB.

–A qué se refire cando compara a sociedade do período helenístico en Grecia co mundo occidental actual?

–Con respecto ao período Clásico, no helenístico a cultura e a sociedade mudara moito. Comezou unha globalización cultural, pois coas conquistas de Alexandre Magno dende a India ata Sicilia empezan a falar o grego e a compartir costumes. Ademais, no ámbito político, a xente xa se sentía desvinculada da Administración. Fronte a democracia anterior agora todo se rexía dende a corte e os cidadáns non se sentían parte desas decisións, isto tamén pasa últimamente en moitos países europeos, onde cada vez é maior a distancia entre os políticos e o resto dos cidadáns.

–A situación da muller mellorou nesta etapa?

–A muller seguía tendo un papel moi secundario, pero durante a época helenística as de clase media e alta podían por fin xestionar o seu patrimonio e incluso aprenderon a ler. Apareceron os primeiros escritos dirixidos só ás mulleres. Un exemplo desta revolución cultural foi Cleopatra, o prototipo de muller culta grega, aínda que moita xente pensa, erradamente, que era exipcia.

–Pero os grandes filósofos, como Aristóteles, son anteriores a este período.

–Si, pero Aristóteles, por exemplo, non se empezou a valorar ata a chegada do helenismo. En vida fora repudiado en Atenas por ser estranxeiro. Era macedonio e na Grecia clásica os estranxeiros estaban mal vistos. Trala súa morte empezou unha etapa de maior mestura cultural e de razas, e os gregos tiveron que aprender a convivir con estranxeiros, ata o punto de que algúns chegaron a ter cargos de responsabilidade. O problema que se plantexaba tamén é semellante ao da España actual, que en poucos anos mirou como a inmigración creceu moito, o que espertou receos nalgunhas persoas.

–Na historiografía de Roma a provincia da Gallaecia non parece que xogue un papel central.

–As fontes históricas que temos non son moitas. Pero sempre me gusta dicir que Galicia entrou na historia pola porta grande, con algunhas das lendas máis bonitas. Refírome ao do río Limia, que as tropas de Decimo Xunio Bruto non quería cruzar por medo á perder todos os seus recordos. Tamén crearon en Fisterra o mito do fin do mundo. Despois parece que todo quedou un pouco no olvido. Iso si, en Roma a Gallaecia debería ter sona como referente de lugar moi lonxe e apartado.

–Os textos de Estrabón non deixaban quedar moi ben aos castrexos, que hai de verdade?

–Estrabón presentou aos castrexos como ladróns e sucios, ademais citou dúas características moi mal vistas en Roma, pois dícía que deixaban que as mulleres gobernasen e que non bebían viño, senón cervexa. Era a típica visión dun salvaxe que podían ter os romanos. Pero estes relatos están deformados, pois era algo normal xustificar ante os cidadáns as campañas de invasión militar con estes argumentos. É algo similar ao que pasa hoxe, cando se alude á falta de democracia ou as armas de Iraq para xustificar a guerra. De feito, nin sequera está demostrado o mito do matriarcado nas sociedades castrexas.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook