O autor presenta unha secuencia numerada que invita ao espectador a contemplala como a salto de mata, xa que non están alineadas no espacio nun orde lóxico. “É unha maneira de darlle movemento, de facela máis dinámica e de xogar co público a ver que fai”, explica Dicvs, que recoñece a exposición como “unha homenaxe a min mesmo”, na que aproveita unha miscelánea de fotos realizadas durante os últimos anos sen, aparentemente, un nexo entre elas. “Son unha mestura de coleccións que teñen como denominador común a temática de Cangas”, aclara o autor, que se presenta no seu currículo como fotógrafo xornalista, ilustrador e deseñador “freelance”.

A diversidade é tecnolóxica (hai fotografías realizadas con cámara analóxica e outras con dixitais); de formatos (mesmo hai unha instantánea repartida en dous soportes), e tamén na cromía (intercálanse as de cor coas de branco e negro), aínda que a cartulina que lle da fondo aos marcos é sempre azul, “porque paréceme unha cor máis neutra”, agás a que acolle a un dragón nunha mostra de títeres, que é vermello para darle máis énfase ao lume. A súa “ollada a Cangas” tamén trascende os límites xeográficos da vila, e hai instantáneas tomadas en Redondela, en festivais de música de distintos municipios, nos rochedos da Costa da Morte e mesmo de viaxes como á cidade francesa de Angiers.

“Toca todos os paus”

“A finalidade principal é dar a coñecer o traballo de Dicvs, un colaborador activo da Oficina de Voluntariado de Cangas e que ten cousas que dicir”, intervén o concelleiro de Xuventude, Óscar Graña, que define ao autor como “un artista novo, cunha obra curiosa e polivalente, porque, utilizando terminoloxía flamenca, toca todos os paus”. Tamén quere aproveitar esta actividade “para que a xente saiba que na Casa da Xuventude hai un espazo que se recuperou para que a expresión artística da mocidade poida darse a coñecer”. A mostra de Dicvs Rodrigues pode verse ata finais de marzo, en horario de 8:30 a 14:30 de luns a venres, e os sábados pola mañá.