A Administración pública, os empresarios e a mocidade. Aínda que a algúns lle poda parecer estrano, estas tres partes van collidas da man e unidas nunha nova iniciativa na comarca: a creación da Fundación EmerxeMorrazo. Os patronos desta nova entidade son os concellos de Bueu e Marín, Fecimo e a Asociación Troula na Banda. O seu obxectivo é o de "promover, incentivar e executar calquera tipo de iniciativa dirixida a impulsar o desenvolvemento das formacións artísticas emerxentes da comarca, os eventos e as salas integradas no proxecto EmerxeMorrazo, e da comarca en sí como destino turístico-musical a través dos seus artistas e actividades".

Onte tivo lugar o seu acto de presentación, celebrado no edificio que lle servirá de sede física: a Casa da Música Manuel Omil, no lugar buenense do Valado. Os patronos da Fundación confiaron a xerencia desta ilusionante aposta a Diego Fernández e Jordi Lourenzo, que xa contan cunha ampla experiencia neste sector e que están tamén detrás de Troula na Banda. Foi o propio Fernández o encargado de abrir o acto e explicou que o obxectivo de EmerxeMorrazo "non é o de solucionarlle a vida aos artistas, senón darlle ferramentas para que melloren e sexan máis grandes". Iso inclúe facilitarlles material, asesoralos no seu traballo, axudarlles a darse a coñecer... O xerente insistiu en que a fundación está aberta a todas as disciplinas artísticas e non só a música: cine, teatro, maxia, danza...

Para artellar e darlle forma a todo iso xa están previstas algunhas actividades, como a celebración do Festival EmerxeMorrazo. Ademais, un dos obxectivos é manter unha estreita colaboración coas salas para ofrecer aos artistas escenarios nos que actuar e presentar as súas propostas. Pero non só en locais da propia comarca, senón tamén do resto de Galicia para que O Morrazo exporte a súa cultura e dinamismo.

Un dos pilares nos que se sustentará esta nova fundación será Fecimo. O seu presidente, Xosé Bangueses, destacou que nace "pensando en clave de comarca" e fixo fincapé en que este "é un proxecto moi ambicioso, no que hai moita puxanza, ilusión e vitalidade". O representante do tecido empresarial argumentou que a súa participación débese ó seu compromiso de "crear riqueza, facer cultura e facer comarca", así como á vontade de Fecimo de achegarse á xuventude. "O que imos aportar é o noso valor engadido, sobre todo en forma de experiencia e contactos", insistiu, toda vez que suliñou que a fundación nace tamén cun pacto para unha administración "seria e rigurosa".

Os representantes do Concello de Marín non puideron asistir, pero sí estaban membros do Concello de Bueu, con Félix Juncal, Andrés Lamosa e Miriam Ferradáns. Dende a Administración municipal fíxose un chamado á "colaboración social" e salientaron que este é un proxecto singular, incluso a nivel estatal, para "promocionar e impulsar á cultura". "Ten que servirnos para crear unha marca recoñecida e debe ser o punto de partida dun gran proxecto", manifestou Andrés Lamosa.