O Auditorio municipal de Cangas acollerá a vindeira semana un acto de homenaxe ó célebre músico portugués José Afonso, autor de temas como o mítico "Grândola Vila Morena". Será un acto no que participarán músicos galegos e portugueses co fin de conmemorar o 80 aniversario do nacemento do artista.

Este acto está organizado polo Colectivo Zeca Afonso, que se constituiu durante o pasado ano 2009. O seu obxectivo é "interpretar e dar a coñecer a obra deste fundamental cantor e compositor da música portuguesa". O concerto previsto en Cangas está fixado para o sábado 13 de marzo, ás 20.30 horas, e contará coa presenza do grupo Na Virada, composto por María Xosé López (voz, zanfona, cavaquinho e percusión), Xico de Carinho (harmónicas e percusión), Humberto Heredia (guitarra e voz) e Rodri Martínez (percusión galega, caixa, djembé); e músicos como José Pumar (voz, flauta, acordeón, gaita e percusión galega), Tino Baz (voz, guitarra, zanfona, gaita e percusión galega) e a portuguesa Ana Ribeiro (voz e guitarra).

O repertorio base está composto por unha quincena de temas, entre os que están "Grândola Vila Morena", "Os vampiros", "Alípio de Freitas", "Balada do sino" ou "A morte saíu à rua", aínda que segundo apuntan os organizadores é susceptible de ser cambiado ou ampliado.

O Colectivo Zeca Afonso participa activamente nas actividades organizadas pola asociación que leva o nome do músico portugués e ademais asinou o manifesto "80 anos de Zeca", que se pode consultar na Internet, na páxina http://80anosdezeca.blogspot.com.

O músico naceu no ano 1929 na localidade de Aveiro e pasou parte da súa vida en Mozambique, involucrándose nas actividades anticolonialistas. Isto e a súa aberta oposición ó rexime de Salazar causoulle numerosos problemas coa policía política do denominado "Estado Novo" (nome que o dictador lle deu o seu rexime). Un dos seus discos máis famosos é "Cantigas de maio", gravado no ano 1971, e que inclúe o mítico tema "Grândola Vila Morena", un dos símbolos da Revolución dos Cravos (1974). Zeca Afonso continuou mantendo unha intensa actividade política e musical ata que lle diagnosticaron unha enfermidade dexenerativa (unha esclerosis lateral amiotrófica) e finou no ano 1987.