Xa non se emite todos os días a través da Radio Galega, pero "Aberto por reformas" resístese a desaparecer e a deixar de ser un escaparate da música actual galega. Onte a maxia da radio trasladouse ata a Casa do Pobo, a onde acudiron Xurxo Souto e Vituco Neira para gravar un programa especial grazas a convidación da Asociación de Moz@s de Beluso e que dentro duns días poderase escoitar a través da Internet no portal komunikando.net.

Por diante dos micrófonos de "Aberto por reformas" onte pasou unha boa representación da música que se fai hoxe no Morrazo, sen esquecerse de quen leva moitos anos preocupándose de programar actuacións en directo. O primeiro en departir con Xurxo Souto e Vituco Neira foi Xabier Castro, en representación da Asociación de Moz@s de Beluso. O ex dos Diplomáticos do Monte Alto mostrouse especialmente interesado sobre o futuro do Festival A Noite do Trasno, un evento no que estivo en varias ocasións. Logo chegou o turno da música tradicional e alí estiveron o gaiteiro moañés Iván Costa e o antigo director de Manxadoira, Anxo Gago "Lito". Este último segue a ser unha auténtica institución e lembrou que se afeccionou á gaita unha vez que colleu a que tiña o seu pai na casa. A partir de aí foron compañeiros inseparables, tanto que a levaba con el cando andaba embarcado por Terranova ou Groenlandia. Precisamente ó fío destes recordos, Xurxo Souto propuxo facer un traballo de investigación sobre os mariñeiros-gaiteiros.

Tamén estiveron Víctor Cabaleiro "Leiro", un dos rostros visibles do Aturuxo e que leva catorce anos programando música en directo; Álex e Álex Máster, membros da Tuna Rastafari, pero que onte deixaron as letras "festeiras" do grupo polas máis "profundas" do proxecto musical O Neto de Manoel; Marcos Paino, do portal Komunikando.net; Luís Carballo e Xan Campos, para dar conta da gran canteira jazzística do Morrazo; e Carlos Gandón e Wes, de Astarot, que lembraron os comezos do grupo e falaron dos proxectos furturos.

Como non podía ser doutro xeito, o programa incluiu o compromiso de volver a verse moi pronto, no Entoido do Hío e para iso non faltaron os inevitables "vivas".