Dende hai uns anos atrás o popular xogo da billarda está a vivir unha nova época dourada, con centos de afecionados e persoas dispostas a manter viva unha das tradicións máis arraigadas en Galicia. Hai tanta afección que incluso existe unha federación, que está intentando fixar unhas normas comúns e que impulsa a celebración dunha liga autonómica.

Precisamente onte celebrouse no pavillón de Beluso unha proba valedeira para esta competición. Era o I Aberto de Bueu e que contou coa participación de máis de 80 persoas procedentes da zona sur de Galicia. E é que a liga está dividida en tres grupos: norte, centro e sur. O gañador na categoría masculina foi José Otero, do Clube Pincharangos de Salceda de Caselas mentras que na categoría feminina o triunfo foi para María Santomé, do Asociación A Ghudalla de Moaña. Tamén houbo un premio para o mellor equipo, que foi o Pincharangos.

A pesar de que esta proba formaba parte do calendario da liga galega, a participación estaba aberta a todo aquel que quixera participar. Así, o máis novo tiña apenas 12 anos de idade e o máis veterano rondaba os 70. Pero a gran maioría eran mozos e mozas, o cal foi destacado moi positivamente pola organización. A pesar do carácter tradicional desta práctica deportiva, as cousas cambiaron un pouco nalgúns aspectos. "Antes era un xogo máis de forza, a ver quen lanzaba máis lonxe a cachisa. Pero agora prima moito máis a precisión", explica o concelleiro buenense de Deportes, Manuel Otero. El tamén se animou e participou no aberto, aínda que caeu eliminado na primeira fase. Inicialmente estaba previsto habilitar algunha pista no exterior do pavillón, pero finalmente o mal tempo limitou a participación só ó interior do recinto e no que se habilitaron dúas rúas.

A experiencia foi tan positiva que dende o Concellería de Deportes xa están falando coa federación para organizar algunha cita máis no verán, sempre con carácter aberto e participativo.