Segundo a tradición, os druídas, como os da aldea gala dos famosos Asterix e Obélix, celebraban na noite do 1 de novembro o fin de ano. Consideraban que esa era a data na que se producía o solsticio de inverno, o día máis curto e a noite máis longa. Son as orixes da coñecida como a noite do Samaín, unha tradición de orixe celta, e que supón o equivalente ó Halloween do mundo anglosaxón. Os nenos e nenas da comarca do Morrazo levan xa varios días traballando en actividades relacionadas con esta festa e, como non podía ser doutro xeito, a que máis lles gusta é a de adornar as cabazas. Sobre todo cando acadan esas facianas con expresións terroríficas e monstruosas.

No municipio de Bueu, as asociacións de nais e pais de alumnos teñen preparada unha festa moi especial para a tarde noite de mañá venres. Van participar rapaces dos colexios de A Torre, Beluso, A Pedra, Virxe Milagrosa e dos institutos Johán Carballeira e Illa de Ons. Os nenos baixarán ata o centro da vila disfrazados e portando as cabazas, iluminadas cunha vela no interior, e coas que estiveron traballando estes días nos seus coles.

Castañas por cabazas

Unha vez que cheguen á Praza do Concello de Bueu haberá xogos, actividades e moita diversión. Pero sobre todo producirase un intercambio: un cucurucho de castañas por cada unha das cabazas. O obxectivo das ANPA é empregalas para formar un gran mosaico na praza así que comece a escurecer.

A participación dos nenos e nenas está garantizada. Pero para que a festa funcione plenamente tamén é precisa a colaboración dos pais e nais dos alumnos, razón pola que dende as ANPA chaman á súa participación.

No resto de centros educativos do Morrazo tamén teñen actividades en marcha, como é o caso do colexio de infantil e primaria da parroquia de Tirán. Alí xa teñen montada unha exposición e o centro está convintemente adornado para esta época de defuntos. Entre a programación para estes días destaca sobre todo un obradoiro de "cociña monstruosa". Toda unha invitación para acudir ó colexio a probar algunha desas delicias gastronómicas.