Mañá sábado celébrase o Día das Bibliotecas e un ano máis dende o colexio de San Roque poñen en marcha unha serie de actividades para fomentar a lectura entre os seus alumnos e atraelos ata as dependencias bibliotecarias. Nesta labor participan a maioría dos mestres do centro, que por uns momentos deixan atrás a súa habitual faciana seria para convertirse en contacontos, engaiolando ós nenos e nenas a través de distintas expresións artísticas como o mimo ou a música.

As historias seleccionadas este ano teñen como denominador común o fomento de valores baixo o lema “De onde vimos, como convivimos”. Así, apóstase pola multiculturalidade, a igualdade, a eliminación de diferencias entre xéneros ou as relacións persoais. Nestas sesións participan nenos de todos os niveis, dende os “peques” de 3 anos ata os de sexto curso de Primaria.

Resposta espectacular

Os “profes” que representan para eles esas historias cheas de maxia e imaxinación, como “Os tres porquiños”, “Soños de algodón” ou “Cocorico”, non son os que habitualmente lles dan clase, senón que son os de outros niveis. E a resposta dos nenos e nenas ata o de agora está sendo “espectacular”.

Ésta non é unha actividade na que se poña nota, pero si que se consigue con nota o obxectivo perseguido: que o final de cada sesión os rapaces mostren interese polo libro en cuestión e que se acheguen con máis frecuencia á biblioteca do colexio para engancharse a novas aventuras e emocións.

Estas sesións comezaron o mércores, continuaron na xornada de onte e hoxe terán o seu colofón final, cunha representación na que se darán a man a poesía e a música.