Alberto Lema (Vimianzo, 1975) será a figura convidada a unha nova sesión da Lonxa Literaria de Moaña. Esta noite, ás 21.00 horas na biblioteca pública de Quintela, as persoas que o desexen poderán conversar con él sobre a súa máis recente obra: “Sidecar” (Ed. Galaxia). Antes escribiu “Unha puta percorre Europa” e o poemario “Plan de fuga”.

-A Lonxa Literaria de Moaña vai analizar a súa obra “Sidecar”. Por que decidiu integrar dúas novelas nun só libro?

-Non foi algo que decidira eu, foi idea do editor. Trátase de dúas novelas que escribín con varios anos de desfase entre unha e outra. A primeira chámase “A fame fatal” e versa sobre os problemas dun rapaz de 25 anos sen moitas expectativas na vida que se namora dunha rapaza máis lista ca el. A segunda é “Síndrome Rúbens”, e trata dun home que xustifica a súa paixón polas mulleres gordas.

-É autor de dúas novelas e dun poemario. En que rexistro se sinte máis cómodo?

-Claramente na narrativa, pois podo escribir máis a miúdo. Sáeme máis doado e de xeito máis natural a prosa que o verso. Supoño que é algo que lle pasa a todo o mundo.

-Comezou a escribir sendo bastante novo. Como deu o paso cara á escrita?

-Xa nin me lembro de cando comecei a escribir, que non é o mesmo que comezar a publicar. Tardei moito tempo en ter unha certa confianza no que tiña escrito como para tentar publicar. A primeira vez que din o paso foi aos 20 anos, pero afortunadamente as editoriais rexeitaron aquel poemario. Non o volvín a tentar ata que tiña moito material reunido. Todo o que publiquei xa levaba anos escrito.

-Que lle parece o actual momento literario que vive Galicia?

-Creo que temos unha literatura actual de moi alto nivel. Hai unha grande narrativa, pero como ocorreu sempre o que estaba por riba do resto é a poesía. É unha peculiaridade histórica da literatura en galego.

-As súas novelas tamén foron traducidas ao castelán pola editorial Caballo de Troya. Foi un paso necesario en termos económicos?

-Non. Foi unha proposta da propia editorial en español. Pois está dirixada por un galego que leu as obras e lle pareceron interesantes para vender. Ademais os datos din que temos que quitarnos o complexo de literatura inferior, pois “Sidecar” tivo unhas vendas semellantes en galego e en castelán.

-Todavía supón grandes atrancos escribir en galego?

-Temos un sistema literario con algúns problemas, pero iso pásalle a todos. Non se pode falar de ningún sistema literario normalizado, o único é o inglés. Unha comparación coa producción e venda da literatura en inglés sempre fai pequena a calquer sistema noutra lingua. Nós, ademais, temos o hándicap de escribir nunha lingua que está constantemente cuestionada, tanto dende o exterior como dende o interior de Galicia.