15 de octubre de 2009
15.10.2009

Unha clase no palleiro

Máis de 60 alumnos do colexio Atlántida de Vigo acuden a Meiro

15.10.2009 | 02:55
Os rapaces quedaron sorprendidos pola intensa cor negra do gran do millo corvo. // G,Núñez

O San Miguel este ano fíxose de agardar, pero finalmente chegou. A aldea buenense de Meiro está xa no proceso de recolleita do seu signo identitario: o millo corvo, ese gran de intensa cor negra. E como non podía ser doutro xeito, un ano máis os escolares volven a participar de xeito activo nas tarefas do campo.

De onde vén o millo? A pregunta a priori parece sinxela, pero a resposta pode variar moito en función do interlocutor e moi especialmente se se trata dun neno. Durante a xornada de onte, os máis pequenos do colexio Atlántida de Vigo tiveron a oportunidade de ver e coñecer sobre o propio terreo como se cultiva o millo corvo na aldea de Meiro. E comprobaron que non vén do supermercado, senón da leira e é o froito de moito traballo.
Os rapaces estiveron na finca de Agro Souto e alí participaron –na medida das súas posibilidades– no proceso de corta, empalleirado e esfollado do millo. Os membros da Asociación Cultural Meiro explicáronlles como se cultiva o milleiro, dende que se sementa aló pola primaveira, ata que chega o momento da súa recolleita. Contaron coa inestimable presencia e axuda de Manuel "O Ruso", un veterano veciño da aldea que lles amosou como se cortan os milleiros e como logo se fan os palleiros, algo que para eles era moi semellante a unha "cabana".
Atado dos palleiros
Os veciños da aldea ensináronlles que para atar eses palleiros non se utilizan cordas, senón outros elementos da natureza: "Coas xestas e coas vimbias fanse as costáns, que sirven para facer o atado", explicou a presidenta da Asociación Cultural Meiro, Victoria Martínez.
Á hora de facer a recolleita nesta finca, a asociación seguiu o método que se utilizaba antes: cortar o milleiro sen arrancar a espiga e deixar que ésta se "refaga" no palleiro. Por iso, nos días previos xa fixeron un adianto da corta e do empalleirado para que onte os máis pequenos se encargasen do esfollado. E o certo é que os nenos e nenas, con idades comprendidas entre os 3 e os 5 anos, si que chegaron con ganas de traballar e botar unha man na recolleita.
Pero non estiveron somentes na leira. Puideron completar todo o percorrido que fan as espigas dende o momento en que se recollen, polo cal despois foron ata a casa de señora Carme. Atoparon á muller en pleno proceso de limpeza das mazorcas, quen lles explicou que é moi importante almacenalas sen ningún tipo de follaco e sen a barbela. E onde se gardan as espigas? Pois no hórreo, que é o lugar no que deben completar o seu proceso de secado. Os membros da Asociación Cultural Meiro indicáronlles que estas construccións contan con numerosas rendixas para facilitar a circulación do aire e o secado do gran. Insistiron na necesidade de que esté ben seco para moelo e obter a fariña coa que logo se elabora o pan.
Próximas visitas
O colexio Atlántida está situado na zona de Bouzas e na súa visita a Bueu tivo moito que ver a orientadora do centro, que é unha veciña da vila. A través dela puxéronse en contacto coa Asociación Cultural Meiro para acudir a esta actividade. Os mestres xa adiantaron onte que volverán nos vindeiros trimestres para que os nenos podan coñecer de primeira man todo o proceso do cultivo. "Resulta interesante porque son todos nenos e nenas de cidade, que nunca viron unha espiga, e chámalles moita atención o traballo do campo", explicaron os seus mestres.
A visita a Bueu non se limitou só a estancia na aldea de Meiro. Por consello da propia asociación cultural, o grupo dividiuse en dous: mentres unha metade estaba vendo o proceso do millo corvo, a outra estaba no Museo Massó coñedendo de primeira man a tradición mariñeira da vila. A propia Victoria Martínez suliñou que "a xente do campo, cando chegaba a época da xeitura, tamén ían a traballar ó mar".

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
 

Calendario laboral y escolar 2017/2018

Calendario laboral 2018 en Galicia

Calendario Laboral 2018 en Galicia

Aquí tienes a tú disposición todos los días festivos en  Vigo y en Galicia , así como el Calendario escolar 2017/2018 .

 

Enlaces recomendados: Premios Cine