“Naturalmente Galiza”, o programa de turismo activo promovido pola Xunta e que conta en Cangas co respaldo da Concellería de Xuventude, comezou onte á noite coa chegada á vila morracense do primeiro grupo de participantes, 22 mozos e mozas procedentes de distintos puntos xeográficos. O primeiro que fixeron foi disfrutar dunha visita guiada polo casco histórico, donde unha técnica de Turismo explicoulles algunhas características da arquitectura tradicional, como as casas mariñeiras con patín, así como algúns edificios característicos. Unha cea a base de tapas nun céntrico local da vila e o alonxamento en bungalós do Camping Cangas, na praia de Liméns, puxo fin a unha primeira xornada que subirá hoxe de intensidade.

As actividades náuticas servirán para iniciala, con ski, wakeboard e kaiak de mar entre dúas praias de bandeira azul: Nerga e Liméns, e coas Illas Cíes a tiro de pedra. Arredor das dúas da tarde será o xantar, e a continuación o grupo de participantes e os monitores dirixiranse ata a capela de San Cosme, xunto ao Alto da Portela, donde comezará un percorrido polo roteiro ecolóxico do Morrazo. A metade do grupo irá a cabalo, e a outra metade a pé, turnándose a medio traxecto, que culminará no mirador do Outeiro do Aviador, en San Martiño de Moaña.

Mañá pecharase a primeira fin de semana de “Naturalmente Galiza” cun exercicio de xeocaptura (uso lúdico do GPS) no contorno arqueolóxico do Monte do Facho, donde buscarán aras de veneración ao deus Berobreo e farán unha visita guiada á excavación.