As tres candidaturas que compiten no proceso aberto no BNG para renovar a súa executiva despois do revés electoral do 1 de marzo contan con seguidores no Morrazo, donde a militancia se presenta dividida entre os partidarios de Carlos Aymerich, do sector “quintanista” e que concurre baixo a marca electoral “Máis BNG”; Guillerme Vázquez, da Unión do Pobo Galego, que encabeza “Alternativa pola Unidade”; e Xosé Manuel Beiras, de “Encontro Irmandiño”.

Onte rematou o prazo para presentar listas de candidatos a integrar a relación de 113 delegados (seis deles “natos” por seren membros do Consello Nacional) que acudirán en representación dos máis de 400 militantes do Morrazo á asemblea extraordinaria do vindeiro 10 de maio para elexir o Consello e o voceiro nacional. E as tres candidaturas presentáronse ao reparto. Entre os nomes máis relevantes da proposta da UPG figuran o alcalde de Moaña, Xosé Manuel Millán, e varios dos seus concelleiros, así como o ex mandatario buenense Xosé Novas. Os actuais rexedores de Cangas e Bueu, Clara Millán e Félix Juncal, participan da lista que respalda ao “non adscrito” Aymerich, xunto coa maioría dos concelleiros nacionalistas cangueses e algúns buenenses, máis outros cargos públicos. Ao frente está Francisco Ferreira, ex presidente da Federación de Veciños “A Chamusca”, de Moaña, e na candidatura tamén destacan os nomes do responsable comarcal do BNG, Uxío Piñeiro, e do vicerresponsable, Óliver Álvarez. Mentres, a lista do “Encontro Irmandiño está encabezada no Morrazo pola concelleira buenenses Laura Ogando. Os históricos militantes Concha Trigo, de Moaña, ou Xosé Antonio Bacelar, de Bueu, tamén a respaldan, segundo sinalaron varios membros da organización.

Esta división da militancia arredor de tres candidaturas, que se confirmou no Consello Comarcal -que actúa a modo de xunta electoral que dirixe o proceso - celebrado onte pola noite e que algúns membros interpretan como un “signo da pluralidade da formación”, ten unha carga ideolóxica, pero tamén persoal, coinciden en sinalar desde distintos frentes, que agardan que a desputa pola representación non altere o traballo que se desenvolve a diario nos municipios morracenses. Ademais, tamén existe un porcentaxe de afiliados que non integra ningunha candidatura e que pode posicionarse na asemblea comarcal que se celebrará mañá pola tarde no centro sociocultural de Quintela, en Moaña. Outros, mesmo poden absterse, votar en branco ou decantarse por calquera outra opción.

Debate político

O Consello Comarcal de onte tiña entre os obxectivos comprobar a composición das candidaturas, que deben ter unha representación por cada xénero non inferior ao 40%, e determináronse as pautas de funcionamento da asemblea de mañá. Tamén se debatiu sobre as enmendas ao documento político e a proposta para conformar as listas ao Parlamento Europeo, a través de voto secreto en furna.