A “Xouba” é unha dorna que levaba “durmindo” moitos anos nos almacéns do Museo Massó. Agora os seus responsables decidiron recuperala para expoñela ó publico de xeito permanente e xunto co bote polbeiro. Pero previamente foi necesario un concienzudo traballo de limpeza, desinsectación e de aplicación dun tratamento protector.

Esta dorna polbeira ten unhas dimensións máis pequenas das habituais: o normal neste tipo de barcos é que tivesen unha eslora de entre catro ou cinco metros, mentras que a “Xouba” é de só 3,38. No tocante ó resto de medidas posúe 1,26 de manga, 1,10 de puntal e o mastro chega ata os 3,40. A peza que se expón inclúe tamén os seus remos e a vela, aínda que nestes intres está recollida. Sen embargo, os visitantes poden atopar xusto ó carón da “Xouba” unha maqueta dunha dorna moi semellante e que inclúe a vela despregada.

Deste xeito, a sala do Museo Massó adicada á pesca de baixura e á conserva conta xa con dúas das embarcacións máis emblemáticas da costa galega. Aínda que a dorna é orixinaria da Ría de Arousa, tamén era habitual noutros puntos do litoral. Un bo exemplo é Bueu e, sobre todo, a Illa de Ons, tal como estudou no seu día o antropólogo sueco Staffan Mörling.

Entre outras vantaxes, a dorna caracterízase pola súa funcionalidade, economía de materiais e facilidade de fabricación. Para a súa construcción eran precisas moi poucas táboas e bastante anchas. Ademais, o seu reducido tamaño e o seu escaso peso facilitaban en gran medida os traballos de reparación e mantemento. Esa labores normalmente facíanse nas propias praias e na illa de Ons incluso hai unha coñecida sinxelamente como a “Praia das Dornas” (xusto ó lado do peirao).

Por outro lado, o Museo Massó continúa coa sua singladura na rede de Internet. Ademais da súa páxina web, á cal se accede a través da Consellería de Cultura, agora vai estrear un blog elaborado polo propio persoal do centro e con información constantemente actualizada. A súa dirección será http//:museomassoblogspot.com

Por otra banda, o venres comeza unha nova programación de actividades, que se abre cunha conferencia ó redor da fisioloxía e vida dos cetáceos, que impartirá a doutora Nuria Alemañ, da Facultade de Veterinaria de Lugo (Universidade de Santiago).