José Fandiño Pidre naceu o 14 de xaneiro de 1902, e dende ben mozo emigra a Nova Iorque da man de seu pai José. Entre as idas e as voltas, sobre o ano 1926, casou no Casal con Nieves Villaverde Rivas. Froito do matrimonio naceron os fillos María e José. En 1935 e cos aforros da emigración decide quedarse definitivamente, para montar un café económico na súa casa da Seara, fronte a casa sindical de Fraternidad Marinera.

En febreiro de 1936 formouse a coalición da Frente Popular, cara ás eleccións a deputados previstas para o mes seguinte, a cal acadou un resultado vitorioso que lle permitiu ó novo gobernador civil, depoñer ó alcalde José Romero mediante un oficio enviado o día 20 de marzo e ordenando a reorganización da Corporación. O día 22 de marzo, celébrase unha sesión extraordinaria, presidida polo secretario Leoncio Queimadelos, estando presentes Benito Rosales Martínez, Balbino Costa Costa, José Viéitez Lago, José Vidal Fernández, José Martínez, José Paz Cancelas, José Trigo García, José Fandiño Pidre, Antonio Gestido Paredes, Antonio Vilariño Santomé, Segundo Cancelas Iglesias, José Saavedra Sartié e Cándido Pidre Gestido. Unha vez aceptados todos os cargos de concelleiros, pasaron á elección do alcalde en votación segreda, resultando electo Fandiño Pidre con doce votos a favor, mentras que Benito Rosales acadou só un. Despois do agradecemento ós compañeiros corporativos, Fandiño foi conscente de que o seu paso ante tal cargo honroso era por circunstancias de interinidade. A pesares de todo, prometeu poñer toda a súa boa vontade para que a xestión que lle fora conferida fose satisfatoria á veciñanza. A dicir de todos, a elección de Fandiño foi acertada, sentíndose representados por un home bo, honesto, honrado, conciliador e cun gran carisma popular.

O seu paso pola Alcaldía non foi doado, pois atopouse cunha crise económica moi fonda, sobre todo no sector conserveiro pola depreciación da sardiña, e na que interviu directamente en xuntazas co Gobernador Civil, participando en maio na Asamblea de Vigo e co envío de telegramas ó presidente do Consello de Ministros e Subsecretario de Traballo, solicitando a mediación no problema da sardiña. Soportou a folga do transporte marítimo de mercadorías. Tamén padeceu o conflito entre o Sindicato de Carboneros de Moaña e a Sociedad de Descargadores de Vigo. O día 4 de xuño prendéronlle lume á igrexa de San Martiño, destrozando parte da bóveda. Acordou a adhesión do concello a unha iniciativa do da Coruña en favor do plebiscito do Estatuto de Autonomía. O 14 de abril, inaugura a nova Casa Consistorial, de construción iniciada polo ex-alcalde Romero. A anterior estaba nun piso alugado a José Pazos na costa de Fontecán, fronte ó Banco Azul. Para atenuar a profunda crise recorre á Junta Nacional Contra el Paro con tres grandes obras: a construción do cemiterio municipal, o arreglo da Canexa e a ampliación do camiño do Con a Vilela, destruído en parte polos temporais. A insurrección militar paraliza a adxudicación do campo santo, entanto que nas outras obras consegue investir parte dos orzamentos.

Ó día seguinte da proclama da Guerra Civil, o 19 de xullo, celébrase a sesión plenaria, como se nada pasase, tratando temas cotiáns: reparación de escolas, elección dunha comisión para o deslinde do Concello, autorizar obras, etc. Parece ser que pola tarde, Fandiño xa acompaña á Garda Civil de Moaña, para garantir os rexistros e cacheos de armas en nome da República. O día 20 son os dirixentes sindicalistas os que organizan a requisa de armas. O 22 de xullo, o novo gobernador civil, nomea ó capitán de cabalería José Carvajal Quiroga como delegado gubernativo para encabezar unha comisión e xestionar o Concello, destituíndo a Fandiño, quedando éste en liberdade sen cargos.

En outubro José Fandiño Pidre, nun intento de salvar a vida, chega a contribuir economicamente coa Falanxe de Moaña; se acaso por ser industrial, era máis ben unha obrigación este tipo de aportación. Houbo momentos nos que Fandiño tenta fuxir ó estranxeiro, pero José Pérez Rodríguez (Pepe de Ventura), fundador das milicias moañesas de FET de las JONS e primeiro tenente de alcalde da nova xestora, ofrécenlle a súa protección, convencéndono para quedarse. Pero o día de San Martiño de 1936, vai acontecer un fatal suceso: a detención de dous irmáns sindicalistas en Cesantes. Éstes acaban confesando que participaran na requisa de armas, auspiciada, entre outros, polo alcalde Fandiño, así como de instigar a queima da igrexa parroquial de Moaña. A consecuencia destas declaracións son encarcelados catorce veciños máis acusados do comiso de armas. A metade foron liberados por influencias persoais, o resto confinados nun baixo, próximo a canexa do Xaldeiro, noutrora central de Correos e Caixa de Aforros, para logo ser trasladados á usurpada casa sindical na Seara, agora convertida no acuartelamento das operacións falanxistas. Aquí sofriron palizas, torturas, purgas de aceite de ricino, rapaduras de pelo, etc. Despois foron levados nun barco da ardora á Vigo, para logo ser escoltados ata cárcere da rúa do Príncipe.

Polas memorias de Luís Pérez Álvarez (Nasidas) -valioso documento inédito- sabemos que Pérez Rodríguez, xefe da Falanxe de Moaña, entrégalle unha lista ó comandante instrutor, L. Vicente Sasiaín, quen despois de lela pon en liberdade ó ex-alcade Fandiño, posiblemente pola influencia do propio Pérez Rodríguez. Despois de desexar sorte ós compañeiros, Fandiño baixaba as escaleiras, cando un subordinado, saltando tódolos protocolos, acude ó comandante para indicarlle non se sabe o qué, pero que o obriga a rectificar a opinión e ordena detelo novamente. É entón cando o ex-alcalde se deu conta de que non tiña salvación.

En decembro, iníciase o proceso 1212/36 no Xulgado Militar Eventual Nº 4 de Vigo, e sen máis axuda que o avogado militar de turno, o tenente Fabián de Caso. Foron xuzgados por auxilio á rebelión. José Pérez procurou que o avogado falanxista Luciano Herrero defendera a Fandiño. Aparte disto, aqueles homes foron acusados de formar un grupo incendiario (Igrexa de S. Martiño), terroristas de ideas anarquistas, cun destacado masón como era Fandiño. Acuden a testificar ó seu favor o secretario municipal Leoncio Queimadelos e o párroco Enrique Rubido de la Gándara. Mentras o primeiro comete un lapsus contraproducente no testemuño, ó segundo non o deixan declarar. Pola parte acusadora, seguindo as memorias de Luís Pérez, foron os duros informes da Garda Civil, asesorados polos falanxistas moañeses, ademais dun oficio da alcaldía de Moaña, dicindo que ordenara os rexistros domiciliarios.