A Asociación Cultural Meiro xa percorreu un longo camiño dende a súa fundación, alá polo ano 1997. Unha traxectoria na que tamén tivo tempo para labrar, sementar, recoller, esfollar, empalleirar e moer moitas veces o millo corvo. Poucos dos que hai máis dunha década comezaron o proceso para recuperar este cultivo podían sequera intuir o futuro que lle agardaba a esa iniciativa: unha celebración consolidada e que cada ano atrae a milleiros de persoas. O recoñecemento definitivo chegou esta mesma semana, xusto despois de celebrar a undécima edición do Encontro Degustación do Millo Corvo: o Consello da Xunta culminou case dous anos de trámites e resolveu declarar o evento Festa de Interese Turístico Galego. Toda unha recompensa a unha aldea e a unha organización que nalgunhas ocasións atopouse cunha certa indiferencia das institucións públicas ou cun apoio máis ben displicente.

O rexurdir do millo corvo tivo o seu xerme nunha iniciativa levada a cabo polo Concello de Bueu por aquelas mesmas datas de 1997: a restauración de tres muíños de auga, un en cada parroquia do concello. Un deles foi o Muíño da Presa, na zona de O Canudo, e foi o que animou ós veciños de Meiro a emprender a recuperación dese gran de intensa cor negra xa case desaparecido. E o que nun principio naceu como unha actividade máis da asociación, foi crecendo e adquirindo vida propia ata converterse no seu gran estandarte. Co tempo, a asociación tamén promoveu a recuperación de máis muíños nesa mesma zona -os de Laxes, Santos e Vilas-, un proxecto rematado hai poucos meses e que mereceu o apoio do Plan Proder.

O éxito do millo corvo baséase nun traballo conxunto de toda a aldea e no esforzo posto en divulgar o seu coñecemento. Un dos grandes logros da asociación é o de involucrar neste proceso de recuperación ós centros educativos da comarca e incluso do resto da provincia. Cada ano pasan polas leiras de Meiro centos de alumnos, que aprenden como sementar o millo, como hai que recollelo, a facer os palleiros, a moer nos tradicionais muíños de auga para obter a fariña que logo se amasa e coce con fermentos naturais no forno de porta aberta. Esa fariña cunha cor e un cheiro moi característicos, incluso semellantes ós do viño tinto.

Para moitos dos escolares, estas actividades representan a oportunidade de achegarse ó mundo rural, que en realidade está ó lado dos seus fogares pero que para unha maioría resulta por completo descoñecido.

Todo isto é unha demostración viva de que a festa do millo corvo non é somentes traballo do derradeiro fin de semana de marzo, senón que verdadeiramente é un ciclo que avanza ó ritmo que marca a natureza:dende que se sementa o gran nestas datas do mes de abril ata que se recolle nos principios do outono, para logo deixar secar as espigas nos hórreos ata a primaveira. Sempre e cando o temido xabarín non estrague a colleita. Este animal é un asiduo tamén do millo corvo e soe facer a súa dañina aparición durante o verán, polo que os veciños de Meiro tiveron que botar de enxeño para combatir as súas falcatruadas.

Internacionalización

Na labor de difusión do millo corvo e das súas características saudables, a Asociación Cultural Meiro chegou a lugares pouco imaxinables hai once anos: a directiva entrevistouse co Premio Nobel da Paz Adolfo Pérez Esquivel e participou na Feira Terra Madre, que se celebra na localidade italiana de Turín. Ademais, o millo corvo forma parte do selecto clube dos productos da “Arca do Gusto”, unha iniciativa impulsada pola asociación internacional Slow Food (comida lenta, en contraposición a “fast food” ou comida rápida) para a recuperación de alimentos e sabores tradicionais.

Por todas estas razóns, o millo corvo trascende máis alá do eido gastronómico: é un proceso de recuperación cultural e etnográfica. Un dos últimos pregoeiros da festa, o xa finado sociólogo e profesor Xan Bouzada, proclamaba no seu fermoso discurso de marzo de 2007 que a celebración dos veciños de Meiro é pura “sustancia de identidade” e falaba deste escuro gran de millo como un “regalo recuperado”.