"Estamos dando un paso importante para facer realidade unhas instalacións que serán un referente para a Xuventude", apuntou Óscar Graña, mentres media ducia de operarios da empresa adxudicataria realizaban os primeiros traballos de demolición dos elementos do edificio que non se van a aproveitar na nova estructura. O paso seguinte será a ampliación do inmoble en altura coa construcción da bóveda que acollerá a "zona musical" do edificio, con tres salas de grabación, cabina de control, vestiarios e un auditorio para arredor de 70 persoas. "Máis ca un simple local de ensaios, este será o segundo auditorio de Cangas", engadiu a alcaldesa, Clara Millán.

A planta inferior conservará a estructura pero con modificacións na distribución. Albergará un despacho, almacén, dúas salas multiusos, sala de baile e os servicios, que inclúen duchas para o aseo dos usuarios, así como taquillas para gardar as súas pertenzas. As instalacións contarán cun ascensor para facilitar a mobilidade. Tamén será acondicionada a zona exterior do edificio, ao que se dotará dun acceso que facilite o desprazamento de persoas con discapacidade. "Mellorar os accesos e favorecer o uso por todos os cidadáns é unha prioridade para este concelleiro e para todo o noso grupo municipal", insiste Óscar Graña. A rexedora sinalou que a prioridade de uso será para a asociación veciñal de Darbo, pero o local estará aberto a todos os colectivos, establecerase un regulamento de utilización de espazos e horarios.

No percorrido de onte para coñecer de cerca os traballos que se están realizando tamén se falou do prazo de execución, estipulado en cinco meses, o que permitirá estrenar as instalacións en abril ou maio. "En todo caso, será antes do verán", confía Óscar Graña, que alude aos complexos trámites burocráticos que xa provocaron algúns retrasos na tramitación das obras para cumprir coa legalidade. Esa complexidade deriva, en parte, da estructuración da licitación en tres expedientes distintos.

Para rematar, Clara Millán aludiu a que o local de Cimadevila supón "un paso máis na descentralización de servizos" promovido desde o goberno local, e puxo as galescolas como outros exemplos nesa dirección.