O próximo xoves 31 de xullo o Auditorio de Cangas acollerá a inauguración dunha exposición histórica cedida pola Consellería de Cultura e Deporte. "Rostros da memoria", é unha colección de 45 imaxes realizadas por un dos mellores fotógrafos nacionais, Xurxo Lobato. Según palabras do propio creador, "ésta é unha mostra de tan só algunhas das persoas que en Galicia sufriron represión por manter as súas ideas na defensa da democracia, despóis do golpe de estado do xeneral Franco".

A exposición consiste nunha colección de fotografías de grande tamaño dos rostros de 45 maiores, que estarán expostos ata o 28 de agosto na sala do Auditorio municipal. O director da sala de exposicións, Camilo Camaño explica que "a intención foi homenaxear a todos os represaliados do 36 ó 75 cos que Lobato conseguiu contactar". Entre as 45 fotografías inclúese a tres veciñas de Cangas (Dolores Rodal, María do Carme Nores e Gloria González), e outros moitos rostros coñecidos. "Son moitos máis dos que están", afirma Camaño.

Na presentación da exposición estivo presente a alcaldesa, Clara Millán, que quixo facer fincapé na importancia da mostra. "Están os rostros da dignidade", declarou Millán durante o acto, no que estivo acompañada polo concelleiro de Cultura, Xosé Manuel Pazos, e Camilo Camaño. Pazos asegurou que "para esquecer o secuestro deses 40 anos no que moitos sufriron, primeiro hai que coñecer. A historia ten nomes e apelidos". O concelleiro afirma que debido a importancia da exposición "daremos a dimensión e publicidade que merece".

Pola súa banda, Camilo Camaño quixo lembrar que "a exposición entra dentro do programa de actividades da asociación cultural Memoria Histórica 28 de agosto", que comeza os seus actos con esta exposición e remata o propio 28 de agosto coa homenaxe ós mártires de Anguieiro. Neste acto estará presente a conselleira de Cultura e Deporte, Ánxela Bugallo, o escritor Vázquez Pintor, Lobato e as autoridades locais.